Gustaríame contarlles a cousa máis embarazosa que me pasou nestes anos traballando como médico de coidados paliativos. Isto aconteceu hai un par de anos. Pedíronme que consultara a unha muller que tería sobre uns 70 anos. Unha profesora de inglés retirada que tiña cancro de páncreas. Pedíronme que a consultara porque tiña dores, náuseas, vómitos... Cando fun vela falamos sobre eses síntomas e durante a consulta preguntoume se pensaba que a marihuana medicinal lle podería axudar. Intentei lembrar todo o que aprendera na universidade sobre marihuana medicinal. Non me levou moito xa que non aprendera nada en absoluto. Polo tanto, díxenlle todo o que sabía: que a marihuana medicinal non tiña ningún beneficio. Ela sorriu, asentiu e colleu o bolso que tiña ao lado da cama e sacou unha morea de ensaios aleatorizados controlados que mostraban que a marihuana medicinal é beneficiosa para síntomas como as náuseas, a dor ou a ansiedade. Ela pasoume eses artigos e dixo: "Quizais debería ler isto antes de dar unha opinión... doutor". (Risos) E fíxeno. Esa noite lin os artigos e atopei moitos máis. Cando volvín vela á mañá seguinte tiven que admitir que parecía que si que había probas de que a marihuana pode ofrecer beneficios médicos e suxerín que se ela estaba realmente interesada debería probala. Saben o que dixo? Esta profesora de inglés retirada de 73 anos? Dixo: "Xa a probei hai seis meses. Foi xenial. Estouna consumindo dende aquela. É o mellor remedio que descubrín. Non sei como me levou 73 anos descubrila. É xenial". (Risos) Nese momento decateime de que precisaba aprender algo sobre a marihuana medicinal porque a formación que me deran na facultade non tiña nada que ver coa realidade. Entón comecei a ler máis artigos e a falar con investigadores. Comecei a falar con doutores e o máis importante: comecei a ouvir aos pacientes. Acabei escribindo un libro sobre esas conversas. E ese libro centrábase sobre todo en tres sorpresas. Sorpresas para min, polo menos. Sobre unha xa falei. Que realmente hai algúns beneficios na marihuana medicinal. Pode que eses beneficios non sexan tan grandes nin sorprendentes como a maioría dos defensores da marihuana medicinal nos farían crer. Pero son reais. Sorpresa número dúas: a marihuana medicinal ten algúns riscos. Pode que eses riscos non sexan tan grandes nin aterradores como a maioría dos opositores da marihuana medicinal nos farían crer. Non obstante, son riscos reais. Pero foi a terceira sorpresa a máis... sorprendente. Moitos dos pacientes cos que falei recorreran á marihuana medicinal en busca de axuda. Non recorreran a ela polos seus beneficios ou o equilibrio entre riscos e beneficios ou porque pensaran que era unha droga marabillosa. Senón porque lles daba control sobre a súa enfermidade. Permítelles xestionar a súa saúde de forma produtiva, eficiente e cómoda para eles. Para amosárllelo falareilles doutra paciente. Robin tiña sobre 40 anos cando a coñecín. Pero semellaba que tiña máis de 60. Sufrira de artrite reumatoide durante os últimos 20 anos. Tiña as mans tortas pola artrite. A columna vertebral encurvada. Dependía da cadeira de rodas para desprazarse. Víase débil e fráxil. E supoño que fisicamente o era. Mais emocionalmente, cognitivamente e psicoloxicamente era unha das persoas máis fortes que xamais coñecín. Cando sentei ao seu lado nun dispensario de marihuana medicinal en California para preguntarlle por que recorrera á marihuana medicinal, que fixera por ela e como lle axudara, comezou contándome cousas que xa lles escoitara a moitos pacientes. Axudoulle coa ansiedade. Axudoulle coa dor. Cando a dor mingua dorme mellor. Todo iso xa o escoitara. Pero logo dixo algo que nunca escoitara antes: que lle dera control sobre a súa vida e sobre a súa saúde. Podía consumila cando quixera, como quixera, a dose e frecuencia que lle viña mellor. E se non lle ía ben podía facer algúns cambios. Ela podía decidir. O máis importante era que non precisaba o permiso de ninguén nin unha cita médica, nin unha receita nin un pedido do farmacéutico. Era ela a que decidía. Era ela quen tiña o control. E se iso parece pouco para alguén con unha doenza crónica non o é en absoluto. Cando nos enfrontamos a unha doenza crónica sexa artrite reumatoide, lupus, cancro, diabetes ou cirrose perdémo-lo control. E decátense de que digo "cando", non "se". Porque nalgún momento das nosas vidas sufriremos unha doenza crónica seria que nos fará perder o control. Veremos como as nosas funcións diminúen. Algúns verán como a cognición diminúe. Non poderemos coidarnos a nós mesmos. Facer as cousas que queiramos. Os nosos corpos traizoarannos e nese proceso, perderémo-lo control. E iso mete medo. Non so mete medo, senón que é temible. É aterrador. Cando falo cos meus pacientes de coidados paliativos, moitos dos cales se enfrontan a doenzas que acabaran coas súas vidas, teñen moito que temer: dores, náuseas, vómitos, estrinximento, canseira, a súa inminente mortalidade. Pero o que os aterra máis que nada é a posibilidade de que nalgún momento, ben sexa mañá ou dentro dun mes, van perder o control sobre a súa saúde, a súa vida, a súa atención sanitaria, e volveranse dependentes doutra persoa, e iso é aterrador. Por iso non é sorprendente que pacientes como Robin, da que lles acabo de falar, e a quen coñecín nesa clínica, recorrera á marihuana medicinal para tentar recuperar un pouco de control. Pero como o fan? Como estes dispensarios de marihuana medicinal como aquel en que coñecín a Robin, lles devolven aos pacientes coma ela o tipo de control que precisan? E como o fan dunha forma na que hospitais e clínicas convencionais polo menos para Robin, non foron capaces? Cal é o seu segredo? Decidín achalo. Fun a unha clínica con mala fama en Venice Beach, California e conseguín unha recomendación que me permitiría ser un paciente de marihuana medicinal. Conseguín unha carta de recomendación que me permitiría comprar marihuana medicinal. Conseguina de forma ilegal porque non son residente en California. Debería mencionalo. Tamén debo facer constar que nunca a usei para facer unha compra. E a todos os axentes da DEA que andan por aí... (Risos) adoro o traballo que fan. Sigan así. (Risos) Aínda que non me permitira facer unha compra esa carta era valiosísima porque me permitía ser un paciente. Permitíame pórme na pel de pacientes coma Robin cando van a un dispensario de marihuana medicinal. E o que experimentei, o que eles experimentan cada día, centos de miles de persoas coma Robin foi asombroso. Entrei na clínica e dende o momento en que entrei en moitas desas clínicas e dispensarios sentín que ese dispensario, esa clínica estaba aí para min. Ao comezo había preguntas sobre quen era, cal era o meu traballo, con que fins buscaba receitas de marihuana medicinal, ou produtos, cales eran os meus obxectivos, as miñas preferencias, cales eran as miñas esperanzas, como pensaba ou esperaba que me ía axudar, que temía... Este é o tipo de preguntas que pacientes coma Robin reciben todo o tempo. Este é o tipo de preguntas que me fan confiar en que a persoa coa que estou falando pensa nos meus mellores intereses e quere coñecerme. A segunda cousa que aprendín nestas clínicas é a dispoñibilidade da educación. Educación das persoas ao outro lado do mostrador. Pero tamén das persoas na sala de espera. Coñecín persoas que estaban encantadas, cando eu sentaba á súa beira, xente coma Robin, de contarme quen eran e por que consumían marihuana medicinal, en que lles axudaba e como, e de darme consellos e suxestións. Esas salas de espera son coma unha colmea de interacción, consello e apoio. E o terceiro, a xente de detrás do mostrador. Estaba asombrado por como esa xente estaba disposta a estar unha hora ou máis explicando os matices entre distintas cepas, entre fumala e vaporizala, entre comestibles e tinturas. E recorden, todo isto sen eu ter intención de facer compra ningunha. Pensen na última vez que foron a un hospital ou clínica e alguén estivo unha hora explicándolles ese tipo de cousas. O feito de que pacientes coma Robin vaian a estas clínicas e dispensarios e reciban este tipo de atención personalizada e educación e servizo debería ser unha chamada de atención para o sistema sanitario. Xente coma Robin está rexeitando a medicina convencional, e acudindo a dispensarios de marihuana medicinal porque estes ofrécenlles o que precisan. Se é unha chamada de atención para o sistema sanitario, é unha chamada que moitos dos meus compañeiros non escoitan ou non queren escoitar. Cando falo cos meus compañeiros, en particular con doutores, sobre marihuana medicinal din: "Precisamos máis probas. Precisamos máis estudos sobre os beneficios e máis probas sobre os riscos". E saben que? Teñen razón. Toda a razón. Si que precisamos moitas máis probas sobre os beneficios da marihuana medicinal. Tamén debemos pedirlle ao goberno federal que modifique as restricións da marihuana para facer posible ese estudo. Tamén precisamos máis estudos sobre os riscos da marihuana medicinal. Os riscos da marihuana medicinal... Sabemos moito sobre os do uso recreativo pero non sabemos nada sobre os da marihuana medicinal. Por iso precisamos investigar, pero dicir que precisamos investigar e non dicir que precisamos facer cambios agora non ten sentido ningún. Xente coma Robin non busca marihuana medicinal porque a consideren unha droga marabillosa ou porque pensen que non ten ningún risco. Búscana porque o contorno no que se vende, administra ou usa dálles o control que precisan sobre as súas vidas. E esa é unha chamada de atención á que lle temos que facer caso. O bo é que hai leccións que hoxe podemos aprender dos dispensarios de marihuana medicinal. E son leccións que deberiamos aprender. Estes son normalmente pequenos negocios familiares xestionados por xente sen formación médica. E aínda que é vergoñento pensar que moitas destas clínicas e dispensarios están ofrecendo servizos e apoio e cubrindo as necesidades dos pacientes dun xeito que os millonarios sistemas sanitarios non fan --debería darnos vergoña--, tamén podemos aprender diso. E hai polo menos tres leccións que podemos aprender deses pequenos dispensarios. Unha: precisamos atopar formas de darlles máis control aos pacientes en cousas pequenas pero importantes. Como conversar con profesionais médicos, cando conversar con eles, como usar os medicamentos de forma que funcionen para eles. No meu caso volvinme moito máis creativo e flexible apoiando aos meus pacientes para que usen os medicamentos de forma segura para xestionar os síntomas pondo énfase na seguridade. Moitos dos medicamentos que prescribo son opioides ou benzodiacepinas que poden ser perigosos se se consomen en exceso. Mais esta é a cuestión. Poden ser perigosos se se usan en exceso, pero poden ser ineficaces se non se usan de xeito consistente co que os pacientes queren e precisan. Polo que esa flexibilidade, se se ofrece de forma segura pode ser moi valiosa para os pacientes e as súas familias. Esa é a número un. Número dous: educación. Grandes oportunidades para aprender algúns trucos deses dispensarios de marihuana para ofrecer máis formación que pode non requirirlle a un médico moito máis tempo, ou ningún, senón oportunidades para aprender sobre que medicamentos usan e por que, prognoses, traxectoria da doenza, e o máis importante, oportunidades para os pacientes de aprender uns doutros. Como podemos imitar o que pasa nas salas de espera desas clínicas ou dispensarios médicos? Como os pacientes aprenden uns doutros, como a xente comparte. E por último, pór aos pacientes primeiro, igual que fan os dispensarios. Facer que os pacientes sintan de verdade que o que eles queren, o que precisan é a razón pola que estamos aquí como profesionais médicos. Preguntarlles sobre as súas esperanzas, temores, metas e preferencias. Como provedor de coidados paliativos pregúntolles a todos os meus pacientes que esperan e que temen. Pero esta é a cuestión: Eles non deberían ter que esperar ata sufriren unha doenza crónica, a miúdo ao final das súas vidas. Non deberían ter que esperar a ver un doutor coma min antes de que alguén lles pregunte: "Cales son as súas esperanzas? E os seus temores?" Debería ir implícito na forma na que se ofrece o servizo sanitario. Podemos facelo. De verdade que si. Os dispensarios e clínicas de marihuana de todo o país están logrando resolvelo. Están logrando resolvelo mentres os sistemas sanitarios máis grandes e convencionais se están quedando anos atrás. Pero podemos aprender deles e temos que facelo. Só temos que tragar o orgullo e deixar de pensar por un minuto que como temos moitas letras detrás do noso nome, somos expertos, ou somos directores médicos dun gran sistema sanitario xa o sabemos todo sobre como cubrir as necesidades dos pacientes. Debemos tragar o orgullo. Temos que visitar algúns dispensarios de marihuana medicinal. Temos que comprender o que fan. Temos que descubrir por que moitos pacientes coma Robin abandonan as clínicas convencionais e acoden aos dispensarios de marihuana medicinal. Temos que descubrir cales son os seus trucos e as súas ferramentas e precisamos aprender deles. Se o facemos, e penso que podemos, e por suposto penso que debemos, podemos garantir que todos os pacientes terán unha mellor experiencia. Grazas. (Aplausos)