Gustaríame contarlles
a cousa máis embarazosa
que me pasou nestes anos traballando
como médico de coidados paliativos.
Isto aconteceu hai un par de anos.
Pedíronme que consultara a unha muller
que tería sobre uns 70 anos.
Unha profesora de inglés retirada
que tiña cancro de páncreas.
Pedíronme que a consultara
porque tiña dores, náuseas, vómitos...
Cando fun vela falamos sobre eses síntomas
e durante a consulta
preguntoume se pensaba
que a marihuana medicinal
lle podería axudar.
Intentei lembrar todo
o que aprendera na universidade
sobre marihuana medicinal.
Non me levou moito
xa que non aprendera nada en absoluto.
Polo tanto, díxenlle todo o que sabía:
que a marihuana medicinal
non tiña ningún beneficio.
Ela sorriu, asentiu e colleu o bolso
que tiña ao lado da cama
e sacou unha morea
de ensaios aleatorizados controlados
que mostraban
que a marihuana medicinal é beneficiosa
para síntomas como as náuseas,
a dor ou a ansiedade.
Ela pasoume eses artigos e dixo:
"Quizais debería ler isto
antes de dar unha opinión...
doutor".
(Risos)
E fíxeno.
Esa noite lin os artigos
e atopei moitos máis.
Cando volvín vela á mañá seguinte
tiven que admitir que parecía
que si que había probas
de que a marihuana
pode ofrecer beneficios médicos
e suxerín que se ela
estaba realmente interesada
debería probala.
Saben o que dixo?
Esta profesora de inglés
retirada de 73 anos?
Dixo: "Xa a probei hai seis meses.
Foi xenial.
Estouna consumindo dende aquela.
É o mellor remedio que descubrín.
Non sei como me levou 73 anos descubrila.
É xenial".
(Risos)
Nese momento decateime
de que precisaba aprender algo
sobre a marihuana medicinal
porque a formación
que me deran na facultade
non tiña nada que ver coa realidade.
Entón comecei a ler máis artigos
e a falar con investigadores.
Comecei a falar con doutores
e o máis importante:
comecei a ouvir aos pacientes.
Acabei escribindo un libro
sobre esas conversas.
E ese libro centrábase sobre todo
en tres sorpresas.
Sorpresas para min, polo menos.
Sobre unha xa falei.
Que realmente hai algúns beneficios
na marihuana medicinal.
Pode que eses beneficios non sexan
tan grandes nin sorprendentes
como a maioría
dos defensores da marihuana medicinal
nos farían crer.
Pero son reais.
Sorpresa número dúas:
a marihuana medicinal ten algúns riscos.
Pode que eses riscos non sexan
tan grandes nin aterradores
como a maioría dos opositores
da marihuana medicinal nos farían crer.
Non obstante, son riscos reais.
Pero foi a terceira sorpresa a máis...
sorprendente.
Moitos dos pacientes cos que falei
recorreran á marihuana medicinal
en busca de axuda.
Non recorreran a ela polos seus beneficios
ou o equilibrio entre riscos e beneficios
ou porque pensaran
que era unha droga marabillosa.
Senón porque lles daba
control sobre a súa enfermidade.
Permítelles xestionar a súa saúde
de forma produtiva, eficiente
e cómoda para eles.
Para amosárllelo
falareilles doutra paciente.
Robin tiña sobre 40 anos cando a coñecín.
Pero semellaba que tiña máis de 60.
Sufrira de artrite reumatoide
durante os últimos 20 anos.
Tiña as mans tortas pola artrite.
A columna vertebral encurvada.
Dependía da cadeira de rodas
para desprazarse.
Víase débil e fráxil.
E supoño que fisicamente o era.
Mais emocionalmente,
cognitivamente e psicoloxicamente
era unha das persoas máis fortes
que xamais coñecín.
Cando sentei ao seu lado
nun dispensario
de marihuana medicinal en California
para preguntarlle
por que recorrera á marihuana medicinal,
que fixera por ela e como lle axudara,
comezou contándome cousas
que xa lles escoitara a moitos pacientes.
Axudoulle coa ansiedade.
Axudoulle coa dor.
Cando a dor mingua dorme mellor.
Todo iso xa o escoitara.
Pero logo dixo algo
que nunca escoitara antes:
que lle dera control sobre a súa vida
e sobre a súa saúde.
Podía consumila cando quixera,
como quixera,
a dose e frecuencia que lle viña mellor.
E se non lle ía ben
podía facer algúns cambios.
Ela podía decidir.
O máis importante era
que non precisaba o permiso de ninguén
nin unha cita médica, nin unha receita
nin un pedido do farmacéutico.
Era ela a que decidía.
Era ela quen tiña o control.
E se iso parece pouco
para alguén con unha doenza crónica
non o é en absoluto.
Cando nos enfrontamos
a unha doenza crónica
sexa artrite reumatoide, lupus, cancro,
diabetes ou cirrose
perdémo-lo control.
E decátense de que digo "cando", non "se".
Porque nalgún momento das nosas vidas
sufriremos unha doenza crónica seria
que nos fará perder o control.
Veremos como as nosas funcións diminúen.
Algúns verán como a cognición diminúe.
Non poderemos coidarnos a nós mesmos.
Facer as cousas que queiramos.
Os nosos corpos traizoarannos
e nese proceso, perderémo-lo control.
E iso mete medo.
Non so mete medo, senón que é temible.
É aterrador.
Cando falo cos meus pacientes
de coidados paliativos,
moitos dos cales se enfrontan a doenzas
que acabaran coas súas vidas,
teñen moito que temer:
dores, náuseas, vómitos,
estrinximento, canseira,
a súa inminente mortalidade.
Pero o que os aterra máis que nada
é a posibilidade de que nalgún momento,
ben sexa mañá ou dentro dun mes,
van perder o control sobre a súa saúde,
a súa vida,
a súa atención sanitaria,
e volveranse dependentes doutra persoa,
e iso é aterrador.
Por iso non é sorprendente
que pacientes como Robin,
da que lles acabo de falar,
e a quen coñecín nesa clínica,
recorrera á marihuana medicinal
para tentar recuperar un pouco de control.
Pero como o fan?
Como estes dispensarios
de marihuana medicinal
como aquel en que coñecín a Robin,
lles devolven aos pacientes coma ela
o tipo de control que precisan?
E como o fan
dunha forma na que hospitais
e clínicas convencionais
polo menos para Robin, non foron capaces?
Cal é o seu segredo?
Decidín achalo.
Fun a unha clínica con mala fama
en Venice Beach, California
e conseguín unha recomendación
que me permitiría
ser un paciente de marihuana medicinal.
Conseguín unha carta de recomendación
que me permitiría comprar
marihuana medicinal.
Conseguina de forma ilegal
porque non son residente en California.
Debería mencionalo.
Tamén debo facer constar
que nunca a usei para facer unha compra.
E a todos os axentes da DEA
que andan por aí...
(Risos)
adoro o traballo que fan.
Sigan así.
(Risos)
Aínda que non me permitira
facer unha compra
esa carta era valiosísima
porque me permitía ser un paciente.
Permitíame pórme na pel
de pacientes coma Robin
cando van a un dispensario
de marihuana medicinal.
E o que experimentei,
o que eles experimentan cada día,
centos de miles de persoas coma Robin
foi asombroso.
Entrei na clínica
e dende o momento en que entrei
en moitas desas clínicas e dispensarios
sentín que ese dispensario, esa clínica
estaba aí para min.
Ao comezo había preguntas sobre quen era,
cal era o meu traballo,
con que fins buscaba
receitas de marihuana medicinal,
ou produtos,
cales eran os meus obxectivos,
as miñas preferencias,
cales eran as miñas esperanzas,
como pensaba ou esperaba
que me ía axudar,
que temía...
Este é o tipo de preguntas
que pacientes coma Robin
reciben todo o tempo.
Este é o tipo de preguntas
que me fan confiar en que
a persoa coa que estou falando
pensa nos meus mellores intereses
e quere coñecerme.
A segunda cousa
que aprendín nestas clínicas
é a dispoñibilidade da educación.
Educación das persoas
ao outro lado do mostrador.
Pero tamén das persoas na sala de espera.
Coñecín persoas que estaban encantadas,
cando eu sentaba á súa beira,
xente coma Robin,
de contarme quen eran
e por que consumían marihuana medicinal,
en que lles axudaba e como,
e de darme consellos e suxestións.
Esas salas de espera son coma unha colmea
de interacción, consello e apoio.
E o terceiro,
a xente de detrás do mostrador.
Estaba asombrado
por como esa xente estaba disposta
a estar unha hora ou máis
explicando os matices
entre distintas cepas,
entre fumala e vaporizala,
entre comestibles e tinturas.
E recorden, todo isto sen eu ter intención
de facer compra ningunha.
Pensen na última vez
que foron a un hospital ou clínica
e alguén estivo unha hora
explicándolles ese tipo de cousas.
O feito de que pacientes coma Robin
vaian a estas clínicas e dispensarios
e reciban este tipo
de atención personalizada
e educación e servizo
debería ser unha chamada de atención
para o sistema sanitario.
Xente coma Robin está rexeitando
a medicina convencional,
e acudindo a dispensarios
de marihuana medicinal
porque estes ofrécenlles o que precisan.
Se é unha chamada de atención
para o sistema sanitario,
é unha chamada que moitos
dos meus compañeiros non escoitan
ou non queren escoitar.
Cando falo cos meus compañeiros,
en particular con doutores,
sobre marihuana medicinal din:
"Precisamos máis probas.
Precisamos máis estudos
sobre os beneficios
e máis probas sobre os riscos".
E saben que? Teñen razón.
Toda a razón.
Si que precisamos moitas máis probas
sobre os beneficios
da marihuana medicinal.
Tamén debemos pedirlle ao goberno federal
que modifique as restricións da marihuana
para facer posible ese estudo.
Tamén precisamos máis estudos
sobre os riscos da marihuana medicinal.
Os riscos da marihuana medicinal...
Sabemos moito sobre os do uso recreativo
pero non sabemos nada
sobre os da marihuana medicinal.
Por iso precisamos investigar,
pero dicir que precisamos investigar
e non dicir que precisamos
facer cambios agora
non ten sentido ningún.
Xente coma Robin
non busca marihuana medicinal
porque a consideren
unha droga marabillosa
ou porque pensen que non ten ningún risco.
Búscana porque o contorno
no que se vende, administra ou usa
dálles o control que precisan
sobre as súas vidas.
E esa é unha chamada de atención
á que lle temos que facer caso.
O bo é que hai leccións
que hoxe podemos aprender
dos dispensarios de marihuana medicinal.
E son leccións que deberiamos aprender.
Estes son normalmente
pequenos negocios familiares
xestionados por xente
sen formación médica.
E aínda que é vergoñento pensar
que moitas destas clínicas e dispensarios
están ofrecendo servizos e apoio
e cubrindo as necesidades dos pacientes
dun xeito que os millonarios
sistemas sanitarios non fan
--debería darnos vergoña--,
tamén podemos aprender diso.
E hai polo menos tres leccións
que podemos aprender
deses pequenos dispensarios.
Unha: precisamos atopar formas
de darlles máis control aos pacientes
en cousas pequenas pero importantes.
Como conversar con profesionais médicos,
cando conversar con eles,
como usar os medicamentos
de forma que funcionen para eles.
No meu caso
volvinme moito máis creativo e flexible
apoiando aos meus pacientes para que usen
os medicamentos de forma segura
para xestionar os síntomas
pondo énfase na seguridade.
Moitos dos medicamentos que prescribo
son opioides ou benzodiacepinas
que poden ser perigosos
se se consomen en exceso.
Mais esta é a cuestión.
Poden ser perigosos se se usan en exceso,
pero poden ser ineficaces
se non se usan de xeito consistente
co que os pacientes queren e precisan.
Polo que esa flexibilidade,
se se ofrece de forma segura
pode ser moi valiosa
para os pacientes e as súas familias.
Esa é a número un.
Número dous: educación.
Grandes oportunidades
para aprender algúns trucos
deses dispensarios de marihuana
para ofrecer máis formación
que pode non requirirlle
a un médico moito máis tempo,
ou ningún,
senón oportunidades para aprender
sobre que medicamentos usan
e por que,
prognoses, traxectoria da doenza,
e o máis importante,
oportunidades para os pacientes
de aprender uns doutros.
Como podemos imitar o que pasa
nas salas de espera
desas clínicas ou dispensarios médicos?
Como os pacientes aprenden uns doutros,
como a xente comparte.
E por último,
pór aos pacientes primeiro,
igual que fan os dispensarios.
Facer que os pacientes sintan de verdade
que o que eles queren,
o que precisan
é a razón pola que estamos aquí
como profesionais médicos.
Preguntarlles sobre as súas esperanzas,
temores, metas e preferencias.
Como provedor de coidados paliativos
pregúntolles a todos os meus pacientes
que esperan e que temen.
Pero esta é a cuestión:
Eles non deberían ter que esperar
ata sufriren unha doenza crónica,
a miúdo ao final das súas vidas.
Non deberían ter que esperar
a ver un doutor coma min
antes de que alguén lles pregunte:
"Cales son as súas esperanzas?
E os seus temores?"
Debería ir implícito na forma
na que se ofrece o servizo sanitario.
Podemos facelo.
De verdade que si.
Os dispensarios e clínicas de marihuana
de todo o país
están logrando resolvelo.
Están logrando resolvelo
mentres os sistemas sanitarios
máis grandes e convencionais
se están quedando anos atrás.
Pero podemos aprender deles
e temos que facelo.
Só temos que tragar o orgullo
e deixar de pensar por un minuto
que como temos
moitas letras detrás do noso nome,
somos expertos,
ou somos directores médicos
dun gran sistema sanitario
xa o sabemos todo sobre como cubrir
as necesidades dos pacientes.
Debemos tragar o orgullo.
Temos que visitar algúns dispensarios
de marihuana medicinal.
Temos que comprender o que fan.
Temos que descubrir
por que moitos pacientes coma Robin
abandonan as clínicas convencionais
e acoden aos dispensarios
de marihuana medicinal.
Temos que descubrir
cales son os seus trucos
e as súas ferramentas
e precisamos aprender deles.
Se o facemos,
e penso que podemos,
e por suposto penso que debemos,
podemos garantir que todos os pacientes
terán unha mellor experiencia.
Grazas.
(Aplausos)