Hoxe imos compartir moitos segredos, vostedes e mais eu, e no entanto, espero que poidamos disipar parte da vergoña que moitos sentimos acerca do sexo. Cantas de aquí recibiron algunha vez piropos dun estraño? Moitas mulleres. No meu caso, a vez que mellor lembro foi cando ese estraño resultou ser alumno meu. Veu xunta min despois da clase esa noite e as súas palabras confirmáronme o que xa sabía: "Síntoo moito, profesora. Se chego a saber que era vostede, nunca lle diría esas cousas." (Risas) Para el, xamais fun unha persoa ata que me convertín na súa profesora. Este concepto, chamado obxectualización, é a base do sexismo, e vémolo reforzado en cada aspecto das nosas vidas. Vémolo no goberno que se nega a castigar aos homes por violaren mulleres. Vémolo nos anuncios. Cantos de vostedes viron un anuncio que emprega un peito de muller para vender un produto que nada ten que ver? Ou películas e películas e películas que retratan mulleres que só se interesan polo amor? Estes exemplos quizais semellen intranscendentes e inofensivos, pero son perniciosos, contribuíndo lentamente a unha cultura que evita ver as mulleres como persoas. Vémolo na escola que manda para a casa a unha nena de 10 anos porque a súa roupa distraía aos rapaces que intentaban aprender, ou no goberno que rexeita castigar a homes por violar mulleres unha e outra vez, ou na muller asasinada por pedirlle a un home que deixara de pegarse a ela nunha pista de baile. Os medios xogan un papel relevante para perpetuar a obxectualización feminina Pensemos na clásica comedia romántica. Estas películas adoitan presentarnos dous tipos de muller, dous tipos desexables, en calquera caso. A primeira é a bomba sexy. Unha muller incriblemente fermosa e cun corpo perfecto. O noso protagonista non ten problema para identificala, e menos aínda para ter relacións sexuais con ela. A segunda muller é a nosa protagonista, a muller fermosa pero tímida da que se namora o protagonista masculino aínda que ao principio nin se decataba dela, ou non lle gustaba nadiña. A primeira é a rameira. Serve para ser consumida e esquecida. Está sempre dispoñible. A segunda é desexable mais humilde, e, polo tanto, digna dos futuros bebés do noso protagonista. Material de matrimonio. Dinnos que as mulleres teñen dous roles, mais dificilmente poden existir os dous nunha soa muller. Nas contadas ocasións en que lle conto a alguén que acabo de coñecer que estudo sobre sexo, se non corta a conversa nese mesmo intre, normalmente está bastante interesado. "Oh. Cóntame máis." E fágoo. "Estou moi interesada en estudar o comportamento sexual de parellas embarazadas e en posparto." Neste punto recibo unha resposta distinta. (Risas) "Oh. Vaia. As embarazadas practican sexo? Non pensaches en estudar sobre o desexo sexual ou os orgasmos? Iso sería interesante, e sexy." Dicídeme. Cales son as primeiras palabras que se vos ocorren ao pensardes nunha muller embarazada? Fíxenlle esta pregunta nunha enquisa a máis de 500 adultos, e a maioría responderon "barriga" ou "redonda" e "adorable." Isto non me sorprendeu moito. Que máis catalogamos como adorable? Bebés. Cachorriños. Gatiños. Anciáns, non si? (Risas) Cando catalogamos un adulto como adorable, pola contra, quitámoslle gran parte da súa intelixencia, da súa complexidade. Reducímolo a características infantís. Tamén lles pedín a homes heterosexuais que imaxinasen que a muller coa que estaban era unha embarazada, e logo pedinlles a mulleres que se imaxinasen embarazadas, e despois me dixeran as primeiras palabras que pensaron ao imaxinárense practicando sexo. A maioría das respostas foron negativas. "Noxento." "Difícil." "Nada sexy." "Raro." "Incómodo." "Como?" (Risas) "Non paga a pena a molestia." "Non paga a pena o risco." Isto último marcoume especialmente. Quizais pensemos que porque separamos as embarazadas e as nais da sexualidade, eliminamos as limitacións da obxectualización sexual. Elas sofren menos sexismo. De acordo? Non exactamente. O que sucede no seu lugar é outro tipo de obxectualización. Nos meus intentos de explicarlle isto a outros, unha conversa levounos á Venus de Willendorf, unha figuriña do Paleolítico considerada polos investigadores a deusa do amor e da beleza, de aí o de Venus. Pero esta teoría revisouse máis tarde, cando os investigadores notaron a obvia fixación do escultor nos atributos sexuais da figuriña: grandes peitos, considerados ideais para aleitar; Unha barriga redonda e posiblemente embarazada; os restos de tintura vermella, aludindo á menstruación ou ao parto. Tamén supuxeron que se fixera para ser collida ou depositala deitada xa que os seus pequenos pés non lle permitirían aguantarse de pé. Tampouco tiña face. Por esta razón, supúxose que era a representación da fertilidade e non o retrato dunha persoa. Era un obxecto. Na historia da súa interpretación, pasou de ser un obxecto de beleza e amor ideais a ser un obxecto de reprodución. Penso que esta transición fala máis dos investigadores que interpretaron o seu propósito ca do propio propósito da figuriña. Cando unha muller queda embarazada, abandona o ámbito do desexo sexual masculino e introdúcese no seu papel reprodutivo e de crianza. E ao facelo, tamén se converte en propiedade da comunidade, considerada moi importante só polo feito de estar embarazada. Si? Chameille a isto o efecto Willendorf, e unha vez máis vémolo reforzado en moitos aspectos da vida da muller. Algunha persoa aquí estivo visiblemente embarazada? (Risas) Xa. Moitas de vós, certo? E cantas tivestes algunha vez un estraño tocándovos a barriga durante o embarazo, incluso sen pedirvos permiso primeiro? Ou cantas veces alguén que non era o voso médico, o profesional médico que vos atende, vos dixo o que podedes comer ou non? Ou vos fixo preguntas privadas sobre o voso plan de plan de parto? E logo vos dixo por que esas decisións están todas mal? Xa, eu tamén. Negouse un camareiro a traervos un vaso de viño? Esta quizais vos dea que pensar, seino, mais escoitade. Este é un gran segredo. Beber con moderación durante o embarazo é, en realidade, seguro. Moitas de nós non o sabemos porque os médicos non queren confiarlles este segredo ás embarazadas, (Risas) especialmente se teñen un menor nivel educativo ou son mulleres de cor. O que isto quere dicir é que o efecto Willendorf é, ademais, clasista e racista. Está presente cando o goberno lles lembra ás mulleres con cada nova lei antielección que o contido dos seus úteros non é seu, ou cando o xinecólogo lles di, "Aínda que é seguro practicar sexo no embarazo, un nunca sabe. Mellor previr ca curar, non si?" Négaselle a súa privacidade básica e a súa autonomía corporal co argumento de "se unha boa nai." Non confiamos nela para tomar as súas propias decisións. É curriña, Lembrades? Cando lles dicimos ás mulleres que o pracer sexual, perdoade. Ao dicirlles ás mulleres que o risco do sexo durante o embarazo non paga a pena o que lles dicimos é que o seu pracer sexual non importa. E, xa que logo, que elas non importan, a pesar de que as necesidades do seu feto non están en conflito coas súas propias. Así que os profesionais médicos, como o Colexio Americano de Xinecología e Obstetricia (ACOG) teñen a oportunidade de educar sobre a seguridade do sexo durante o embarazo. E que din os expertos? O ACOG non ten ningunha declaración oficial sobre a seguridade do sexo durante o embarazo. A guía da Clínica Mayo é, en liñas xerais, positiva, pero presenta unha advertencia: "Aínda que a maioría das mulleres pode practicar sexo sen problemas no embarazo, ás veces é mellor ser cauto." Algunhas mulleres non queren practicar sexo durante o embarazo, e iso está perfecto. Outras queren practicar sexo durante o embarazo, e iso tamén está perfecto. O que cómpre parar é o feito de que a sociedade lles diga o que poden facer e que non co seu corpo. (Aplausos) As embarazadas non son recipientes de reprodución sen cara nin identidade, que non poden manterse en pé por si soas. Mais a verdade é, o verdadeiro segredo é, que lles dicimos a todas as mulleres que o seu pracer sexual non importa. Ata rexeitamos admitir que as mulleres que practican sexo con outras ou as que non queren ter fillos existen. "Oh, só é unha etapa... só necesita que apareza o home adecuado." Cada vez que unha muller practica sexo simplemente porque se sente ben, é algo revolucionario. Ela é revolucionaria. Vai en contra da sociedade que insiste en que só existe para o pracer masculino ou para a reprodución. A muller que prioriza as súas necesidades sexuais pon medo, porque a muller que prioriza as súas necesidades sexuais priorízase a si mesma. (Aplauso) É unha muller pedindo ser tratada coma unha igual. É unha muller que insiste para que lle fagas sitio na mesa de poder, e iso é o máis aterrador de todo porque non podemos facer un sitio para ela sen que algúns de nós teñamos que ceder o noso espazo extra. (Aplausos) Teño un último segredo para vostedes. Son nai de dous mozos e serviríanos a súa axuda. Aínda que os meus fillos me escoitan dicir con frecuencia que é importante que os homes recoñezan as mulleres como iguais e teñen en seu pai a un modelo, precisamos que o que sucede no mundo reforce o que pasa na nosa casa. Isto non é un problema de homes ou de mulleres. Isto é problema de todos, e todos temos un papel no desmantelamento dos sistema de desigualdade. Para comezar, debemos deixar de dicirlles ás mulleres o que poden facer cos seus corpos e o que non. (Aplausos) Isto inclúe non tratar as embarazadas como unha propiedade comunal. Se non a coñecen, non lle pregunten se lle poden tocar a barriga. Non o farían con ninguén máis. Non lle digan o que pode comer ou non. Non lle pregunten por detalles privados das súas decisións médicas. E isto inclúe entender que, incluso se vostede está en contra do aborto, pode seguir loitando polo dereito das mulleres a decidir. Cando se trata da igualdade das mulleres, as dúas non poden entrar en conflito. Se practica sexo con mulleres, priorice o seu pracer. E se non sabe como, pregunte. Se ten fillos ou fillas -- (Risas) fale con eles de sexo tan axiña como sexa posible, porque os nenos xa non buscan s-e-x-o no dicionario. Búscano en internet. E cando teñan esas conversas, non se centren só na reprodución. As persoas practican sexo por múltiples razóns, algunhas porque queren un bebé, pero a maioría porque se sente ben. Admítano. E independentemente de se teñen fillos ou non, apoien unha educación sexual integral que non avergoñe aos nosos adolescentes (Aplausos) Nada positivo se saca de avergoñar a un adolescente polos seus desexos e comportamentos sexuais, máis que tests positivos de embarazo e de enfermidades de transmisión sexual Cada día, dásenos a oportunidade de racharmos cos patróns de desigualdade. E penso que todos podemos estar de acordo en que paga a pena facelo. Grazas. (Aplausos)