Gustaríame comezar cun poema escrito por unha amiga de Malawi que se chama Eileen Piri. Eileen só ten 13 anos pero, mentres revisabamos a colección de poesía que escribimos, o seu poema pareceume moi interesante, verdadeiramente inspirador. Así que vóullelo ler. Titúlase "Penso casar cando queira". (Risos) "Penso casar cando queira. Miña nai non pode casarme á forza. Meu pai non pode casarme á forza. Nin meu tío, nin miña tía, nin meu irmán, nin miña irmá, poden casarme á forza. Ninguén no mundo me pode casar á forza. Casarei cando eu queira. Aínda que batas en min, mesmo se corres tras min, fágasme o que me fagas, penso casar cando queira. Casarei cando eu queira, pero non antes de obter unha boa educación ou de rematar de medrar de todo. Penso casar cando queira." Este poema pode resultar algo raro vindo dunha rapaciña de 13 anos, pero de aló de onde nós vimos o poema que lles acabo de ler é todo un grito de guerra. Son de Malawi, un dos países máis pobres do mundo, realmente pobre, onde a igualdade de xénero é cuestionable. Ó criarme nese país. non puiden decidir sobre a miña vida. Non se me permitía nin sequera considerar as oportunidades que se me presentaban. Voulles contar a historia de dúas rapazas moi diferentes, dúas nenas fermosas, que medraron baixo o mesmo teito. Comían os mesmos pratos. Ás veces, compartían roupa e ata calzado. Mais as súas vidas remataron seguindo dous camiños ben distintos. A outra rapaza é miña irmá pequena. Só tiña 11 anos cando quedou embarazada. Que cousa tan dolorosa! Non só lle doeu a ela: tamén a min. Eu tampouco o estaba a ter fácil. Como é tradición na miña cultura, ó acadar a puberdade unha debe marchar a un campamento de iniciación. Nestes campamentos apréndenche a satisfacer sexualmente os homes. Hai un día especial, chámanlle o "Día moi especial", no que un home contratado pola comunidade vén ó campamento e se deita coas meniñas. Imaxinen o trauma co que estas rapazas teñen que lidar cada día. A maior parte delas quedan embarazadas. Tamén contraen o VIH e a SIDA, e outras enfermidades de transmisión sexual. A miña irmá tocoulle embarazo. Hoxe ten 16 anos e xa leva 3 bebés. O seu primeiro matrimonio non durou, tampouco o segundo. E logo está estoutra rapaza, que é incrible. (Risos) (Aplausos) E digo que é incrible porque o é. É unha rapaza marabillosa. Esa rapaza son eu. (Risos) Cando tiña 13 anos dixéronme que xa era grande, que xa tiña idade de ir ó campamento de iniciación e que debía ir. Eu dixen: "Que? Non penso ir ós campamentos de iniciación". Saben que me dixo aquela muller? "Que rapaza tan parva e teimuda! Non respectas as tradicións da nosa sociedade, da nosa comunidade." Eu díxenlle que non porque sabía o que me agardaba. Sabía o que quería na vida. Xa de nova tiña soños. Quería acadar unha boa formación para máis adiante atopar un traballo decente. Imaxinábame de avogada, sentada nunha cadeira de oficina desas. Iso era ó que aspiraba, o que me pasaba pola cabeza tódolos días. Sabía que algún día tería algo que achegar, por pouco que fora, á miña comunidade. Pero, dende que rexeitara o campamento, as mulleres non paraban de dicirme "Mira para aí, túa irmá pequena xa ten un bebé. E ti, que xa es adulta, que?" Esa era a cantarela que tiña que aturar día tras día e a cantarela que as rapazas aturan tódolos días cando deciden non facer algo que a comunidade precisa que fagan. Cando comparei as dúas historias, a de miña irmá e a miña, pregunteime: "Por que non podo facer nada? Por que non podo mudar algo que leva pasando tanto tempo na nosa comunidade?" Aí foi cando decidín chamar outras rapazas coma miña irmá, rapazas con fillos que foran á escola pero que xa non lembraban como se lía e escribía. Díxenlles: "Veña, podemos lembrar mutuamente como se le e escribe outra vez, como se agarra o bolígrafo, como se le, como se suxeita o libro". Foi unha época estupenda. Non só aprendín un pouquiño sobre elas, senón que me chegaron a contar as súas historias persoais, polo que estaban pasando como nais adolescentes. Entón pensei: "Por que non collemos todo isto que nos está a pasar e presentámolo, e dicímoslles ás nosas nais e ós líderes relixiosos que estas cousas están mal?" Tiñamos medo de facelo porque os líderes da nosa comunidade xa están afeitos ás cousas que levan séculos pasando. Non sería doado cambialas pero pagaba a pena intentalo. E así o fixemos. Foi moi difícil, pero insistimos. E hoxe estou aquí para contar que a miña foi a primeira comunidade na que as rapazas presionaron tanto o noso líder relixioso que este rematou por apoiarnos e declarar que ningunha rapaza tiña que casar ata acadar os 18 anos de idade. (Aplauso) A miña comunidade foi a primeira en cambiar o regulamento, en crear unha lei que protexe as rapazas da comunidade. Mais non paramos aí. Seguimos adiante. Estabamos decididas a loitar polas mozas doutras comunidades, non só da nosa. En febreiro, cando se presentou o proxecto de lei sobre o matrimonio infantil, nós estabamos no parlamento. Tódolos días, mentres entraban os membros do parlamento, nós iámoslles dicindo: "Por favor, apoie o proxecto de lei!" Non contamos con tanta tecnoloxía coma aquí, pero tiñamos os nosos teléfonos móbiles, así que pensamos: "Por que non conseguimos os seus números e lles escribimos?" E fixémolo. Saiu ben. (Aplauso) Así que, cando se aprobou o proxecto, volvémoslles escribir: "Grazas por apoiaren o proxecto de lei". (Risos) E, cando o presidente firmou o proxecto e promulgou a lei, obtivemos outro éxito. Agora a idade legal para casar en Malawi é 18. Pasamos dos 15 ós 18 anos. (Aplauso) Alégrame que se aprobase a lei, pero eu pregúntolles unha cousa: hai países onde a idade legal para casar son os 18 anos, e aínda así, non ouvimos choros de mulleres e nenas a diario? Tódolos días se botan a perder vidas de rapazas. Vai sendo hora de que os líderes cumpran a súa palabra. Cumprir a súa palabra significa pensar nos problemas das rapazas todo o tempo. Non temos que ser cidadás de segunda. Teñen que saber que as mulleres como as que estamos nesta sala non somos simples mulleres, non somos simples rapazas: somos extraordinarias. Podemos facer máis. Outro asunto preocupante en Malawi, e non só en Malawi, senón noutros países, é que as leis, ben se sabe que unha lei non é lei ata que non se fai cumprir, non si? Esta lei que se acaba de aprobar e as deste tipo noutros países precisan ser divulgadas a nivel local, ó nivel das comunidades, onde as rapazas sofren estes problemas. As mozas teñen que enfrontarse diariamente a estas dificultades nas súas comunidades. Pero, se saben que hai leis que as protexen, poderán dicir que non e defenderse soas, sabendo que hai unha lei que as apoia. Outra cousa que quería dicir é que a voz das mozas e das mulleres é fermosa e está aí, pero non podemos facer isto soas. Precisamos homes aliados que se involucren e estean dispostos a traballar connosco. Require un esforzo colectivo. O que precisamos é o que precisan o resto de mozas: unha boa educación e, sobre todo, non ter que casar con 11 anos. É máis, sei que xuntos podemos mudar o marco legal, político e cultural que lles nega ás rapazas os seus dereitos. Hoxe estou aquí para declarar que podemos acabar co matrimonio infantil nunha xeración. É hora de que millóns de rapazas no mundo sexan quen de dicir: "Penso casar cando queira". (Aplauso) Grazas. (Aplauso)