Todos nós imos ao médico.
E imos con confianza e fe cega
en que as probas que nos fan
e as medicacións que nos receitan
están baseadas nas probas
--probas deseñadas para axudarnos.
Aínda que a realidade é, que non sempre
foi así para todo o mundo.
Que pasaría se lles dixera
que os descubrimentos da ciencia médica
ao longo do século pasado
estaban baseados só
na metade da poboación?
Eu son médica de urxencias.
Formeime para estar preparada
nunha emerxencia médica.
Trátase de salvar vidas. É xenial, non si?
Vale, hai moito nariz con mocos
e dedas esmagadas,
pero non importa quen entre
pola porta de Urxencias,
nós pedimos as mesmas probas,
receitamos a mesma medicación,
sen sequera pensar no sexo
ou no xénero dos nosos doentes.
Por que?
Nunca nos ensinaron que
había diferenzas entre homes e mulleres.
Un estudo recente do Consello de Contas
revelou que o 80% dos medicamentos
retiráronse do mercado
debido aos efectos secundarios
sobre as mulleres.
Así que pensemos niso un minuto.
Por que descubrimos
os efectos secundarios sobre as mulleres
só despois de que un medicamento
se retire do mercado?
Saben que un fármaco tarda anos
en pasar de ser unha idea
a ser probado en células nun laboratorio,
a estudos en animais,
despois a ensaios clínicos en humanos,
e ao final pasar un procedemento
para a súa aprobación,
ata estar dispoñible para que
o seu médico llo receite?
Por non mencionar, os miles de millóns
de dólares de financiamento
que supón todo ese proceso.
Entón, por que descubrimos
efectos secundarios inaceptables
na metade da poboación
despois de pasar por todo isto?
Que está pasando?
Pois resulta que esas células
empregadas nese laboratorio,
son células masculinas,
e os animais empregados nos
estudos con animais eran machos,
e os ensaios clínicos fixéronse
case exclusivamente en homes.
Como se converteu o modelo masculino
no referente na investigación médica?
Vexamos un exemplo que se popularizou
nos medios de comunicación,
e ten que ver co somnífero Ambien.
Ambien saíu ao mercado
hai vinte anos,
e dende entón, prescribíronse
centos de millóns de receitas,
sobre todo a mulleres, porque teñen
máis trastornos de sono que os homes.
Pero só este último ano,
a Food and Drug Administration
recomendou reducir a dose á metade
só para as mulleres,
porque se decataron de que a muller
metaboliza o medicamento
a un ritmo máis lento que o home,
por isto espertan pola mañá
cos efectos do medicamento
activos no seu organismo.
E entón, están somnolentas
e collen o coche,
e corren o risco
de ter accidentes de tráfico.
E eu non podo axudar, pero penso
como médica de urxencias,
cantos dos doentes aos que
atendín ao longo dos anos
tiveron un accidente de tráfico
que posiblemente se puido evitar
se se fixera esta análise, e se actuase
en consecuencia hai 20 anos
cando este medicamento se aprobou.
Cantas outras cousas teñen que
ser analizadas por xénero?
Que máis estamos perdendo?
A II Guerra Mundial cambiou
un montón de cousas,
e unha delas foi esta necesidade
de protexer a xente
de ser vítimas da investigación médica
sen consentimento informado.
Así que se estableceron guías e regras,
que eran moi necesarias,
en parte porque estaba este desexo
de protexer as mulleres en idade fértil
de entrar en calquera estudo
de investigación médica.
Había medo: e se lle pasaba algo
ao feto durante o estudo?
Quen sería o responsable?
E por iso os científicos
ao mesmo tempo pensaron
que fora unha bendición disfrazada,
porque --sexamos realistas-- os corpos
dos homes son bastante homoxéneos.
Non sofren o cambio constante
nos niveis de hormonas
que podería alterar a precisión dos datos
que se recollerían só en homes.
Era máis doado. Era máis barato.
Sen mencionar, que daquela
había unha asunción xeral
de que homes e mulleres
eran parecidos en tódolos sentidos,
á parte dos seus órganos reprodutivos
e as hormonas sexuais.
Así que estaba decidido:
a investigación médica
realizábase en homes,
e os resultados aplicábanse
ás mulleres máis tarde.
Que supuxo isto para a idea
de saúde das mulleres?
A saúde das mulleres converteuse
en sinónimo de reprodución:
peitos, ovarios, útero, embarazo.
É o que agora coñecemos
como “medicina bikini”.
E isto mantívose así ata
preto da década de 1980,
cando este concepto foi cuestionado
pola comunidade médica
e polos responsables das políticas
públicas de saúde, ao decatárense de que
excluíndo as mulleres de tódolos
estudos de investigación médica
en realidade fixémoslles un fraco favor,
xa que ademais dos temas reprodutivos,
case non se sabía nada
sobre as necesidades propias
da doente muller.
Dende aquela, unha chea de probas
saíron á luz
amosándonos como de diferentes son
homes e mulleres, en tódolos sentidos.
Sabedes que en medicina temos este dito:
Os menores non son coma adultos pequenos.
E dicímolo para lembrarnos
de que os menores teñen unha fisioloxía
distinta dos adultos normais.
E por iso xurdiu
a especialidade de pediatría.
E agora facemos investigación en menores
para mellorar as súas vidas.
E eu sei que se pode dicir o mesmo
sobre as mulleres.
As mulleres non son homes
con peitos e trompas de Falopio.
Teñen a súa propia anatomía e fisioloxía
que merece ser estudada
coa mesma intensidade.
Collamos como exemplo
o sistema cardiovascular.
Esta área médica esforzouse en comprender
porque parece que homes e mulleres
teñen ataques cardíacos diferentes.
As cardiopatías son a primeira
causa de morte en homes e mulleres,
pero morren máis mulleres ca homes
no primeiro ano de ter o ataque.
Os homes vanse queixar
da esmagadora dor de peito--
teñen un elefante sentado no peito.
E chamamos a isto, típico.
As mulleres tamén
teñen dor no peito.
Pero máis mulleres que homes
vanse queixar só de "non sentirse ben".
"parece como se me faltara vida",
"só un pouco de cansazo ultimamente".
E por algunha razón
chamámoslle a isto, atípico.
aínda que como xa dixen,
as mulleres son a metade da poboación.
Que probas temos
para axudar a explicar estas diferenzas?
Se miramos a anatomía,
as arterias arredor do corazón
son máis pequenas en mulleres que en homes
e o xeito en que esas arterias
desenvolven a enfermidade é diferente
nelas ca neles.
E as probas que usamos para determinar
se alguén poder ter un ataque ao corazón,
ben, inicialmente foron deseñadas,
probadas e perfeccionadas en homes,
e resulta que non son tan boas
para determinalo nas mulleres.
Se pensamos nos medicamentos
--medicamentos comúns que utilizamos,
como a aspirina.
Dámoslle aspirina aos homes sans
para axudalos a previr o infarto,
pero sabedes que darlle
aspirina a unha muller sa
é en realidade prexudicial?
Todo isto está a nos dicir
que estamos rabuñando a superficie.
A medicina de emerxencias
avanza moi rápido.
En cantas áreas vitais
para a supervivencia,
coma o cancro e o ictus,
haberá diferenzas importantes entre
homes e mulleres que poderiamos utilizar?
Ou incluso, por que hai xente
que ten máis mocos no nariz
ca outra,
ou porque os medicamentos para
aliviar a dor das dedas esmagadas
alivian a uns e a outros non?
O Instituto de Medicina dixo que
cada célula ten un sexo.
E iso, que significa?
O sexo é o ADN.
O xénero é como alguén
se presenta a si mesmo en sociedade.
E estes dous poden non sempre conxeniar,
como podemos comprobar
coa poboación transxénero.
Pero é importante decatarse disto
dende o momento da concepción,
cada célula nos nosos corpos
--pel, pelo, corazón e pulmóns--
contén o noso propio e único ADN,
e ese ADN contén
os cromosomas que determinan
se seremos, feminino ou masculino,
home ou muller.
Pensábase que
eses cromosomas que determinan o sexo,
representados aquí
--XY se es home, XX se es muller--
só determinaban se ti nacerías
con ovarios ou testículos,
e eran as hormonas do sexo que
eses órganos producían
as responsables das diferenzas
que vemos no sexo oposto.
Pero agora sabemos que
esa teoría estaba equivocada
--ou polo menos, está un pouco incompleta.
Menos mal que científicos como o Dr. Page
do Whitehead Institute,
que traballa no cromosoma Y,
e o doutor Yang da UCLA,
atoparon evidencias de que
eses cromosomas determinantes do sexo
presentes en cada célula do noso corpo
permanecen activos durante
toda a nosa vida
e poderían ser os responsables
das diferenzas que vemos
na dosificación dos medicamentos,
ou en por que hai diferenzas
entre homes e mulleres
na susceptibilidade e
gravidade das enfermidades.
Este novo coñecemento
é un punto de inflexión,
e depende dos científicos que
continúen ata atopar esa proba,
pero depende dos profesionais clínicos
empezar a aplicar esa información
na consulta, hoxe.
Dende agora mesmo.
E para axudar a conseguilo,
cofundei unha organización nacional
chamada Sexo e Xénero
Saúde Colaborativa de Mulleres,
e recollemos toda a información
dispoñible para o ensino
e para a atención ao doente.
E estamos traballando para que tamén
se apunten os formadores médicos.
O que é un gran reto.
Isto cambia o xeito en que se veu facendo
a formación médica desde as orixes.
Pero, eu creo neles.
Sei que van ver o valor
de incorporar as lentes de xénero
no actual plan de estudos.
Trátase de formar aos futuros profesionais
da asistencia médica de forma correcta.
E a nivel rexional,
compartín a creación dunha sección
no Departamento de Medicina de Urxencias
aquí na Universidade Brown.
chamada Sexo e Xénero
en Medicina de Urxencias,
e investigamos para determinar
as diferenzas entre homes e mulleres
en situacións de emerxencia,
como infarto e ictus
e septicemia e abuso de substancias,
pero cremos tamén
que a educación é primordial.
Creamos un modelo de educación integral.
Temos programas para médicos/as,
para enfermeiras/os, para estudantes
e para os pacientes.
Xa que isto non se lle pode deixar
só aos responsables sanitarios.
Todos nós temos un papel
para cambiar a situación.
Pero debo avisalos: isto non é doado.
En realidade, é complicado.
En esencia, está cambiando o xeito
no que pensamos a medicina
a saúde, e a investigación.
Está mudando a nosa relación
co sistema sanitario.
Pero non hai volta atrás.
Agora coñecemos o suficiente
para saber que
non o estabamos facendo ben.
Martin Luther King Jr. dixo que
"O cambio non chega
sobre as rodas do inevitable,
pero si vén a través da loita continua"
E o primeiro paso cara ao cambio
é a conciencia.
Isto non trata só de mellorar
os coidados médicos das mulleres.
Trátase de atención médica personalizada,
individualizada para todo o mundo.
Esta conciencia ten o poder para cambiar
a atención médica de homes e mulleres.
E dende agora en diante, eu quero
que lle pregunten aos seus médicos
se os tratamentos que lles dan
son indicados para o seu sexo e xénero.
Pode que non saiban a resposta
--aínda.
Pero a conversa empezou,
e todos xuntos podemos aprender.
Lembren, para min
e os meus colegas neste campo,
o seu sexo e xénero importan.
Grazas
(Aplausos)