Hai 50 anos, cando comecei a explorar o océano, ninguén - nin Jacques Perrin, nin Jacques Cousteau ou Rachel Carson -- imaxinaba que poderíamos prexudicar os océanos debido ao que poñemos ou sacamos deles. Naquel tempo, parecía ser o mar do Edén, mais hoxe sabemos, que estamos ante o paraíso perdido. Eu quero compartir a visión persoal dos cambios nos mares que nos afectan a todos e lembrar a importancia do que perdemos en 50 anos --na verdade, collémolo, comémolo-- máis do 90% dos peixes grandes que existían por qué nos debe importar que desaparecera a metade dos arrecifes de coral por qué a misteriosa falta de osíxeno en grandes áreas do Pacífico debe preocupar non só ás criaturas que están a morrer, senón que debería preocuparnos a nós tamén. Tamén vos incumbe. Dáme medo a idea do "Neno do Futuro" de Ray Anderson, preguntando por que non fixemos nada para salvar as quenllas, o atún vermello, as luras, o coral e o océano vivo mentres aínda había tempo. Ben, agora é o momento. Espero a vosa axuda para explorar e protexer o océano salvaxe de xeito que poida recuperar a súa saúde, e a esperanza para a humanidade. Saúde para o océano significa saúde para nós. Espero que o desexo de Jill Tarter de involucrar aos Terrícolas na procura de vida intelixente no universo inclúa golfiños, baleas e outras criaturas do mar. Espero, Jill, que algún día atopemos evidencias de vida intelixente nos seres humanos deste planeta. (Gargalladas) Dixen iso? Coido que fun eu. Para min, como científica, Todo comezou en 1953 co meu primeiro mergullo. Foi cando vin por primeira vez peixes nadando e non nadaban en limón e manteiga. Amo o mergullo de noite. Ves un monte de peixes que non se ven en pleno día. Mergullar noite e día foi moi fácil para min en 1970, cando liderei uns acuanautas durante semanas de vida submarina ao tempo que os astronautas deixaban as súas pegadas na lúa. Puiden deixar as miñas pegadas no fondo do océano en 1979 mentres usaba ese somerxíbel persoal chamado Jim. Foi a seis millas da costa e 380 metros de fondo. É un dos meus traxes de baño favoritos. Desde entón, eu usei uns 30 tipos de submarinos, empecei tres empresas e a fundación sen ánimo de lucro Deep Search para proxectar e construír sistemas de acceso ao mar profundo. Liderei unha expedición de cinco anos do National Geographic, as expedicións Mares Sostibles, usando estes pequenos submarinos. Tan sinxelos de conducir que ata un científico pode facelo. Eu son a proba diso. Astronautas e acuanautas igualmente aprecian a importancia do aire, os alimentos, a auga, a temperatura, todas as cousas necesarias para se manter vivo no espazo ou no fondo do mar. Oín ao astronauta Joe Allen explicar como tivo que aprender todo o que puido sobre o seu sistema de apoio vital entón fixo todo o que puido para coidar do seu sistema de apoio vital. Entón sinalou isto e dixo: "Sistema de apoio vital". Necesitamos aprender todo o que poidamos sobre el e facer todo o que poidamos para coidalo. O poeta Auden dixo, "Miles de persoas viviron sen amor. Ningunha sen auga." O noventa e sete por cento da auga da Terra é océano. Se non hai azul, non hai verde. Se pensas que o océano non é importante, imaxina a Terra sen el. Marte vénme á cabeza. Se non hai océano, non hai sistema de apoio vital. Fai pouco dei unha charla no Banco Mundial mostrei esta foto incrible da Terra e lles dixen: "Aí está! O Banco Mundial!" É onde están todos os activos! E nós temos collimos moito máis rápido do que os sistemas naturais poden reabastecelos. Tim Worth di que a economía é subsidiaria e pertence ao medio ambiente. Con cada pinga de auga que bebes, Cada respiro que tomas, estás ligado ao mar. Non importa en que lugar da Terra vivas. A maior parte do osíxeno na atmosfera é xerado polo mar. Co tempo, a maior parte do carbono orgánico do planeta foi absorbido e gardado alí, principalmente por microbios. O océano dirixe o clima e o tempo, estabiliza a temperatura, da forma á química da Terra. A auga do mar forma as nubes que retornan á terra e ós mares como choiva, saraiba e neve, e fornece fogar para preto do 97 por cento da vida no mundo, tal vez no universo. Sen auga non hai vida. Sen azul, non hai verde. No entanto, os seres humanos temos esa idea, de que a Terra - toda ela: os océanos, os ceos - son tan amplos e resistentes que non importa o que lle fagamos. Isto pode ter sido verdade hai 10.000 anos, e quizais ata 1.000 anos atrás pero nos últimos 100, especialmente nos últimos 50 anos, consumimos os bens, o aire, a auga, o entorno que fan a nosa vida posible. As novas tecnoloxías estannos axudando a entender a natureza da natureza, a natureza do que está a suceder. Mostrándonos a nosa pegada na Terra. Quero dicir, primeiro temos que saber que temos un problema. E, felizmente, nos nosos tempos, temos aprendido máis sobre os problemas que en toda a historia. E co saber vén o coidado. E con coidado, hai esperanza de que poidamos atopar un lugar permanente para nós nos sistemas naturais que nos sosteñen. Pero primeiro temos que saber. Hai tres anos coñecín a John Hanke, Que é o xefe do Google Earth, e conteille canto me gustaba ter o mundo nas miñas mans e exploralo de xeito directo. Mais pregunteille: "Cando é que vas acabalo? Fixeches un gran traballo coa terra, o solo. Que pasa coa auga? Desde entón, tiven o grande pracer de traballar cos Googleiros, con DOER Marine, National Geographic, con ducias de institucións e cos mellores científicos do mundo enteiro, aos que poderiamos recorrer, para ubicar o océano en Google Earth. E foi esta semana, o luns pasado, cando se completou Google Earth. Consideren o seguinte: comezando aquí no Centro de Convencións, podemos atopar o acuario próximo, podemos ollar onde estamos sentados, e logo podemos ir pola costa ao gran acuario, o océano, aos catro santuarios mariños nacionais de California e a nova rede de reservas mariñas estatais que están empezando a protexer e a recuperar algúns dos bens. Podemos viaxar a Hawai e ver as verdadeiras illas Hawaianas ... Non só o pouco que se ve na superficie, tamén o que está debaixo. Para ver -- un momento, podémonos mergullar! -- aqui mesmo -- baixo o océano, ver o que as baleas ven. Podemos explorar a outra parte das illas hawaianas. De feito podemos nadar polo mundo en Google Earth e visitar as baleas xibardo. Esas xigantes amables que tiven o pracer de encontrar cara a cara moitas veces debaixo da auga. Non hai nada como que unha balea che examine persoalmente. Podemos voar ao lugar máis profundo: sete millas ao fondo, á Fosa das Marianas, onde só estiveron dúas persoas. Imaxinen iso. Son só sete millas, mais só dúas persoas foron alá, hai 49 anos. As viaxes só de ida son fáciles. Precisamos novos submarinos de mergullo profundo. Que tal algúns X Premios para a exploración oceánica? Necesitamos ver fosas fondas, montañas submarinas, e comprender a vida no mar. Agora podemos ir para o Ártico. Só dez anos atrás eu estaba sobre o xeo no Polo Norte. Un océano Ártico libre de xeo pode ocorrer neste século. Malas noticias para os osos polares. Malas noticias para nós tamén. O exceso de CO2 non só está causando o quecemento global, tamén está cambiando a química do océano, o mar tórnase máis ácido. Malas noticias para os arrecifes de coral, o marisco, e o plancto produtor de osíxeno. Tamén son malas noticias para nós. Estamos poñendo centenares de millóns de toneladas de plástico e lixo no mar. Millóns de toneladas de redes de pesca perdidas, aparellos que seguen a matar. Estamos obstruíndo o océano, envenenado o sistema circulatorio do planeta, estamos sustraendo centos de millóns de toneladas de seres, baseados todos eles no carbono. De xeito brutal, matamos quenllas só para facer sopa de aleta, minando as cadeas alimenticias que lle dan forma á química do planeta e que impulsa os ciclos do carbono, do nitróxeno, o ciclo de osíxeno, o ciclo da auga, o noso sistema de apoio vital. Aínda matamos o atún vermello, que está en perigo, e moito máis valioso vivo que morto. Todas estas partes forman o noso sistema de apoio vital. Matamos con longas liñas de palangre, con anzois cada poucos metros que poden medir 90 km ou máis. Os arrastreiros industriais están raspando o chan do mar como escavadoras, levando todo no seu camiño. Empregando Google Earth podes ver os arrastreiros, na China, no Mar do Norte, no Golfo de México, facendo tremer os alicerces do noso sistema de apoio vital, deixando un rastro de morte ao seu paso. A próxima vez que cees sushi, ou sashimi, ou filete de peixe espada, ou cóctel de gambas, calquera vida mariña que che guste comer, pensa no custo real. Por cada quilo que vai ó mercado, 10 quilos máis, ata 100 quilos, poden ser devoltas mortas ao mar. Esta é a consecuencia de non saber que hai límites para o que podemos sacar do mar. Este gráfico amosa o declive da vida no océano do 1900 ata o 2000. As maiores concentracións están en vermello. Durante a miña vida, imaxinade, mataron o 90 por cento dos peixes grandes. Para a maioría das tartarugas, tiburóns, atúns e baleas os números están caendo. Mais hai unha boa nova. O 10 por cento dos peixes grandes seguen aí. Hai aínda algunhas baleas azuis. Hai aínda algo de krill na Antártida. Hai algunhas ostras na baía de Chesapeake. A metade dos arrecifes de coral aínda están en moi boa forma, unha cinta de xoias en torno do planeta. Aínda hai tempo, pero non moito, para cambiar as cousas. Pero se o asunto segue como ata agora, en 50 anos pode non haber arrecifes de coral, e non haber máis pesca comercial, porque o peixe desapareceu. Imaxinade o océano sen peixes. Imaxinade o que supón para o noso sistema de soporte vital. Os sistemas naturais da terra están en apuros tamén, mais os problemas son máis evidentes, e hai que tomar medidas de protección das árbores, cuncas hidrográficas e a vida salvaxe. E en 1872, co Parque Nacional de Yellowstone, comezaron a establecerse un sistema de parques que hai quen di que foi a mellor idea que nunca tiveron nos Estados Unidos. Cerca do 12 por cento da terra está agora protexida no mundo, salvagardando a biodiversidade, fornecendo un sumidoiro de carbono, xerando osíxeno, protexendo as cuncas hidrográficas. E, en 1972, comezouse a establecer unha contrapartida no mar, os Santuarios Marinos Nacionais. Esta é outra gran idea. A boa noticia é que hai agora máis de 4.000 lugares no mar, ao redor do mundo, que teñen algún tipo de protección. E podedes atopalos no Google Earth. A mala noticia é que hai que buscar moito para atopalos. Nos últimos tres anos, por exemplo, os EE.UU. protexeron 340.000 millas cadradas de océano como monumentos nacionais. Pero é só un aumento do 0,6 do un por cento ao 0,8 do un por cento do océano protexido, a nivel mundial. As areas protexidas rexenéranse, pero leva moito tempo peixes de roca de 50 anos ou peixes sapo, tiburóns ou corvinas, ou un peixe reloxo alaranxado de 200 anos. Nós non consumimos vacas e galiñas de 200 anos. As áreas protexidas fornecen a esperanza de que as criaturas do soño de Ed Wilson dunha enciclopedia da vida ou un censo da vida mariña, non van vivir só nunha lista, unha foto, ou un parágrafo. Coa axuda de científicos de todo o mundo, revisamos o 99 por cento dos océanos que están abertos á pesca, minería, perforación, vertedoiro de lixo, e o que queirades, para buscar puntos de esperanza, e atopar o xeito de darlles e darnos un futuro seguro. Áreas como o Ártico - onde temos agora a oportunidade de facelo ben. Ou a Antártida, onde o continente está protexido, mais o océano está a ser despoxado do seu krill, baleas e peixes. No Mar dos Sargazos, un bosque flotante de 3 millóns de millas cadradas está sendo apañado para alimentar vacas. O 97 por cento da terra nas illas Galápagos está protexido, mais o mar adxacente está sendo devastado pola pesca. Tamén é verdade na Arxentina, na plataforma da Patagonia, agora en serios apuros. En alta mar, onde van as baleas, atúns e golfiños -- temos o maior e menos protexido ecosistema da Terra, cheo de criaturas luminosas, que viven en augas escuras a dúas millas de profundidade. Brillan, escintilan, refulxen coa súa propia luz vital. Hai aínda lugares no mar, conservados coma cando eu era unha nena. Os próximos 10 anos poden ser os máis importantes, e os próximos 10.000 anos a mellor oportunidade qua a nosa especie terá para protexer o que queda dos sistemas naturais que nos dan vida. Para xestionar o cambio climático, precisamos novas formas de xeración de enerxía. Precisamos de novas formas, maneiras mellores de tratar coa pobreza, as guerras e as enfermidades. Precisamos moitas cousas para manter e conservar o mundo como un lugar mellor. Mais nada diso importa se non somos quen de protexer o océano. O noso destino e o dos océanos son un. Necesitamos facer para o océano o que Al Gore fixo para os ceos. Un plan de acción global cunha Unión de Conservación Mundial, a IUCN, que está en marcha para protexer a biodiversidade, para mitigar e recuperar dos impactos do cambio climático. en alta mar e nas zonas costeiras, onde podamos identificar lugares críticos, son necesarias novas tecnoloxías para localizar nun mapa, fotografíar e explorar o 95 por cento dos océanos que aínda non vimos. O obxectivo é protexer a biodiversidade, asegurar a estabilidade e resistencia. Necesitamos submarinos de gran profundidade, novas tecnoloxías para explorar o océano. Necesitamos, quizais, unha expedición - un TED no mar - que podería axudar a descubrir os seguintes pasos. E así, supoño que queren saber cal é o meu desexo. Gustaríame que utilizásedes todos os medios á vosa disposición - películas, expedicións, a Rede, novos submarinos - unha campaña que inflame o apoio do público para unha rede global de áreas mariñas protexidas, pontos de esperanza que abonden para salvar e restaurar o océano, o corazón azul do planeta. Canto? Algúns din que o 10 por cento, algúns din que 30 por cento. Vós decidides canto queredes protexer o voso corazón. Sexa o que for, unha fracción dun un por cento non chega. O meu desexo é un desexo grande, mais se podemos facer isto, podemos realmente cambiar o mundo, e axudar a garantir a supervivencia da que realmente é a miña especie favorita, que somos nós. Para os nenos de hoxe, para os nenos de mañá, como nunca, agora é a hora. Grazas. (Aplausos)