De cativo encantábame xogar aos agochos. Moito. Unha vez subín a unha árbore para ter un grande escondedoiro, pero caín e rompín un brazo. E así comecei primaria cunha grande escaiola no torso. Quitáronma seis semanas despois, pero non podía estirar o cóbado, así que tiven que facer fisioterapia para flexionalo e estiralo, cen veces ao día, sete días á semana. Case non fixen nada. Era aburrido, doía... En consecuencia botei seis semanas máis para recuperarme. Anos despois, miña nai padeceu de ombro conxelado, que produce dor e rixidez nesa zona. A persoa da que, durante media vida, crin que tiña superpoderes, de súpeto precisaba axuda para se vestir ou cortar a comida. Cada semana ía a sesións de fisioterapia pero, coma min, apenas seguía o tratamento na casa tardou máis de cinco meses en comezar a mellorar. Tanto miña nai coma min precisabamos fisioterapia, un proceso no que realizas exercicios repetitivos para recuperar o movemento perdido tras un accidente ou lesión. Ao comezo, o fisioterapeuta traballa co paciente pero despois é cousa do paciente facer os exercicios na casa. Pero aos pacientes resúltanlles aburridos, frustrantes, confusos e longos ata obteren resultados. É unha mágoa ver que o abandono pode chegar ao 70%. Isto indica que a maioría non fai os exercicios e, polo tanto, tarda moito máis en recuperarse. Os fisioterapeutas coinciden en que determinados exercicios reducen o tempo de recuperación, pero os pacientes non están motivados para facelos. Así que tres amigos e mais eu, todos nós frikis informáticos, preguntámonos se non sería interesante que os pacientes puidesen recuperarse xogando. Comezamos a crear MIRA, unha plataforma de software para PC que usa Kinect, unha cámara que capta o movemento, para mudar os exercicios tradicionais en videoxogos. A fisioterapeuta xa marcou o horario para a miña terapia. Vexamos como é. No primeiro xogo voas cunha abella de arriba a abaixo para recoller o pole e pousalo na colmea mentres esquivas outros bechos. Controlo a abella ao estirar e dobrar o cóbado, igual que cando tiña sete anos e me quitaron a escaiola. Antes de deseñar o xogo falamos coa comunidade de fisioterapeutas para entender qué movementos precisan facer os pacientes. Logo deseñamos un videoxogo para ofrecerlles aos pacientes metas motivadoras e sinxelas que seguir. O software pode personalizarse e os fisioterapeutas tamén poden crear os seus propios exercicios. Con este software, a miña fisioterapeuta gravouse facendo unha abdución do ombro, un dos movementos que miña nai tiña que facer cando padecía de ombro conxelado. Podo seguir o exemplo da fisioterapeuta no lado esquerdo da pantalla, mentres que no dereito véxome facendo o movemento recomendado. Estou máis involucrado e síntome máis seguro porque fago os exercicios coa miña terapeuta e fago o que ela considera mellor para min. Basicamente, a aplicación ofrécelles aos fisioterapeutas a posibilidade de crearen o exercicio que crean máis axeitado. Este é un xogo de poxas para previr caídas deseñado para fortalecer os músculos e mellorar o equilibrio. Aquí, teño que facer movementos de sentarse e erguerse e, cando me ergo, poxo polos artigos que quero mercar. (Risas) De aquí a dous días, miña avoa fará 82 anos e hai un 50% de posibilidades de que os maiores de 80 anos caian polo menos unha vez ao ano, o que pode provocar rotura de cadeira ou algo aínda peor. O baixo ton muscular e os problemas de equilibrio son as causas principais polo que frear estes problemas con exercicios específicos axudará a que xente maior como miña avoa estea protexida e sexa independente por máis tempo. Cando o meu horario remata, MIRA amosa un resumo do meu progreso durante a sesión. Acabo de mostrarvos tres xogos diferentes para nenos, adultos e anciáns. Poden empregarse con pacientes ortopédicos ou neurolóxicos, e axiña teremos opcións para nenos con autismo, doenzas mentais ou patoloxías da fala. A miña fisioterapeuta pode volver ao meu perfil e ver os datos recollidos nas miñas sesións. Pode ver canto me movín, cantos puntos conseguín, a velocidade das miñas articulacións e moitas cousas máis. Pode empregar todo isto para adaptar o meu tratamento. Alégrame dicir que esta versión se emprega en máis de dez clínicas de Europa e dos EE. UU. e que traballamos na versión doméstica. Queremos que os fisioterapeutas poidan prescribir este tratamento dixital e axudarlles aos pacientes a recuperarse nas súas casas. Se miña nai ou eu tivésemos algo así cando precisamos fisioterapia, seguiriamos o tratamento e se cadra, recuperabámonos antes. (Risas) Grazas. (Aplausos) Tom Rielly: Cosmin, que hardware é este que están retirando? De que está feito e canto custa? Cosmin Mihaiu: Microsoft Surface Pro 3 para a demo pero só precisas un ordenador e un Kinect, que custa 120 dólares. TR: Ben, e o Kinect é o que se emprega para xogar coa Xbox cos xogos en 3D, non si? CM: Exacto, pero non precisas a Xbox, só unha cámara. TR: Entón custa menos de 1000 dólares? CM: Así é, podes telo por 400. TR: E agora, estás cos ensaios clínicos. CM: Si. TR: E despois esperas deseñar a versión doméstica para practicar a distancia e que na clínica vexan o progreso e outras cousas. CM: Xusto. TR: Xenial. Moitas grazas. CM: Grazas. (Aplausos)