En 1965, o estudante de 17 anos, Randy Gardner permaneceu esperto durante 264 horas. Once días para coñecer como reaccionaba sen durmir. O segundo día, a concentración visual diminuíu. Logo, perdeu a capacidade de recoñecer obxectos co tacto. O terceiro día, estaba agresivo e desorientado. Ao final do experimento, tivo dificultades coa concentración, coa memoria a curto prazo, volveuse paranoico e tiña alucinacións. Aínda que se recuperou sen dano psicolóxico nin físico, para outras persoas, o insomnio pode provocar desaxustes hormonais, enfermidades e incluso a morte. Aínda estamos empezando a entender por que precisamos durmir, mais sabemos que é esencial. As persoas adultas precisan durmir de 7 a 8 horas e os adolescentes preto de 10 horas. Precisamos durmir cando o noso corpo envía sinais de que o noso cerebro está canso e cando vemos que está escuro fóra. O aumento de substancias químicas que inducen o sono, coma a adenosina ou a melatonina, axúdanos a ter un soño lixeiro que se fai máis profundo mentres a respiración e a frecuencia cardíaca diminúen e os nosos músculos se relaxan. O ADN repárase na etapa non REM e o corpo recupera a enerxía para o día seguinte. Nos Estados Unidos de América, estímase que o 30 % dos adultos e o 66 % dos adolescentes sofren de insomnio. Isto é sumamente importante. Estar tantas horas esperto pode causar danos corporais graves. Cando durmimos pouco, a aprendizaxe, a memoria, o ánimo e o tempo de reacción vense afectados. A falta de sono pode causar inflamación, alucinacións, alta presión sanguínea e relaciónase tamén coa diabetes e coa obesidade. En 2014, un afeccionado ao fútbol morreu despois de pasar 48 horas esperto para mirar o Mundial. Aínda que a causa da morte foi un ataque ao corazón, os estudos din que durmir menos de 6 horas cada noite incrementa o risco dun derramo cerebral comparado con durmir entre 6 ou 7 horas. Para quen herdou unha mutación xenética, a falta de sono é unha realidade diaria. Coñécese como «insomnio familiar fatal». O corpo mantense nun estado de vixilia constante, que lle impide durmir placidamente. Co paso dos meses ou anos, a enfermidade pode agravarse dando lugar á demencia ou á morte. Como pode o insomnio causar isto? Os científicos sinalan que se debe á acumulación de residuos químicos no cerebro. Cando estamos espertos, as células consomen as fontes de enerxía, que se descompoñen en varios produtos, coma a adenosina. Coa acumulación da adenosina, aumenta a necesidade de durmir, coñecida como presión do sono. A cafeína actúa bloqueando as vías dos receptores da adenosina. Tamén se xeran outros residuos no cerebro que, ao non eliminarse, sobrecargan o cerebro e son a causa dos síntomas negativos do insomnio. Que ocorre no cerebro cando durmimos para evitar isto? Os científicos descubriron o chamado sistema glinfático, un mecanismo de limpeza que elimina esa acumulación e que é máis activo cando durmimos. A través do líquido cefalorraquídeo, drénanse as substancias tóxicas que se acumulan entre as células. Os vasos linfáticos, que serven de ruta de acceso ás células inmunes, descubríronse recentemente no cerebro e parece que tamén axudan ao cerebro a limpar estes residuos diarios. Continúase investigando os procesos rexenerativos con respecto ao sono. Podemos estar seguros de que durmir é unha necesidade para manter a nosa saúde física e mental.