O cerebro é un órgano asombroso e complexo. E aínda que a algunhas persoas lles fascina o cerebro, non poden dicir moito sobre as súas propiedades, sobre como traballa porque a neurociencia non se ensina nas escolas. E unha das razóns polas que isto ocorre é que o equipamento é tan complexo e tan caro que só se emprega nas grandes universidades e institucións. Así que, para poder acceder ao cerebro, precisas dedicar a túa vida e pasar seis anos e medio como estudante de posgrao para ser neurocientífico e ter acceso a estas ferramentas. E iso é unha pena xa que unha de cada cinco persoas, o 20% de todo o mundo, padecerá unha enfermidade neurolóxica. E non existen curas para estas enfermidades. Por iso, ó mellor o que deberiamos facer é comezar antes o proceso de educación e ensinarlles neurociencia aos estudantes para que no futuro poidan pensar na posibilidade de converterse en neurocientíficos. Cando era estudante de posgrao, o meu compañeiro Tim Marzullo e eu pensamos que deberiamos coller este complexo equipamento que tiñamos para estudar o cerebro e simplificalo e abaratalo o suficiente como para que calquera afeccionado ou un estudante de ensino medio, puidese aprender e participar no descubrimento da neurociencia. E así o fixemos. Hai uns anos, fundamos unha compañía chamada Backyard Brains que ofrece uns kits domésticos de equipamento neurocientífico que trouxen hoxe aquí para facer algunhas demostracións. Querédelos ver? Necesito un voluntario. Antes de nada-- cal é o teu nome? (Aplausos) Sam Kelly: Sam. Greg Gage: Vale, Sam, vou gravar o teu cerebro. Fixéchelo algunha vez? SK: Non. GG: Necesito que ergas o brazo para a ciencia, refúcete un pouco. O que vou facer é pórche eléctrodos no brazo, e ti preguntaraste, dixeches que me ías gravar o cerebro, que fas co meu brazo? Tes uns oitenta mil millóns de neuronas no cerebro agora mesmo. Están mandando dun lado para outro mensaxes eléctricas e químicas. Pero algunhas das túas neuronas situadas no teu córtex motor enviarán mensaxes cando movas o brazo deste xeito. Baixarán polo teu corpo caloso, pasando pola medula espiñal ata a neurona motora inferior ata os músculos aquí, e esa descarga eléctrica será recollida por estes eléctrodos. Deste xeito poderemos escoitar exactamente o que o teu cerebro estará facendo. Vou prender isto un momento... Algunha vez escoitaches o teu cerebro? SK: Non. GG: Imos probar. Aperta o puño. (Ruído) O que estás escoitando (Ruído) é a túa unidade motora traballando. Ímoslle botar un ollo. Eu vou quedar aquí, vou abrir a nosa aplicación. Agora aperta. (Ruído) Estas son as unidades motoras que xorden da súa medula espiñal ata o seu músculo aquí, e mentres fai iso, vemos a actividade eléctrica que se xera. Ata podemos facer clic para ver unha delas. Sigue apertando forte. Ímonos deter nun potencial de acción motora que se está producindo agora mesmo no teu cerebro. Queredes ver máis? (Aplausos) Isto foi interesante, pero vai ser aínda mellor. Preciso outro voluntario. Como te chamas? Miguel Goncalves: Miguel. GG: Miguel, de acordo. Vaste colocar aquí. Cando moves o brazo deste xeito o teu cerebro está enviando un sinal aos músculos. Move ti tamén o brazo. O teu cerebro vaille mandar un sinal aos teus músculos. E resulta que xusto aquí hai un nervio que baixa por aquí e inerva estes tres dedos e está tan preto da pel que podemos estimulalo, o que nos permite copiar os sinais que van do teu cerebro á túa man e transferilos á túa man, de xeito que a túa man moverase cando o teu cerebro llo diga. En certo sentido, ela quitarache o teu libre albedrío e non terás ningún control sobre a túa propia man. Estás listo? Só teño que conectarte. (Risas) Vou buscar o teu nervio ulnar, que debería estar por aquí. Non sabías no que te estabas metendo cando subiches. Agora voume apartar e ímonos conectar á interface humano-a-humano. Entón, Sam, quero que apertes a man outra vez. Outra vez. Perfecto. Agora voute conectar para que recibas o-- É algo raro ó principio, é como se-- (Risas) Cando perdes a túa liberdade de decisión, e outra persoa se converte no teu portavoz é unha cousa un pouco rara. Agora quero que relaxes a man. Sam, estás lista? Aperta a man. Non o vou acender aínda, así que aperta sen medo. Estás listo, Miguel? MG: Todo o preparado que poida estar. GG: Acabo de acendelo, así que aperta a man. Sentes algo? MG: Non. GG: Vale, dálle outra vez. MG: Agora un pouco. GG: Un pouco? (Risas) Reláxate. Dobra outra vez. (Risas). Perfecto, perfecto. Reláxate, faino outra vez. Vale, agora, (Risas) o teu cerebro está controlando o teu brazo e tamén controla o seu, así que dálle unha vez máis. Moi ben, está perfecto. (Risas) E agora que pasaría se eu tomara o control da túa man? Ti simplemente relaxa a man. Que ocorre? Nada. Por que? Porque o ten que facer o cerebro. Así que faino outra vez. Iso é, perfecto. Grazas aos dous pola vosa colaboración. Isto é o que está pasando por todo o mundo-- electrofisioloxía! Imos conseguir a neurorrevolución. Grazas. (Aplausos)