[O 3 de abril de 2016, vemos a maior filtración de datos da historia. Os "papeis de Panamá" expoñen a xente rica e poderosa que ocultou grandes cantidades de diñeiro en paraísos fiscais. Que significa isto? Robert Palmer, de Global Witness, explícanolo]. Esta semana houbo unha avalancha de historias por mor da filtración de 11 millóns de documentos provenientes do bufete de avogados Mossack Fonseca, con sede en Panamá. A información sobre estes documentos deixa ao descuberto unha pequena parte do mundo secreto dos paraísos fiscais. Móstranos o xeito en que clientes, bancos e avogados acoden a compañías como Mossack Fonseca e din: "Queremos unha empresa anónima. Poden conseguirnos unha?" Daquela pódense ver os correos, o troco de mensaxes, como funciona este sistema, como se procede. Isto comezou a ter repercusións bastante inmediatas. O primeiro ministro de Islandia dimitiu. Tamén coñecemos que un aliado do brutal ditador sirio Bashar Al-Assad ten empresas en paraísos fiscais. Houbo denuncias sobre unha pista de 2 mil millóns de dólares que sinala ao presidente ruso Vladimir Putin, por medio dun achegado, amigo da infancia, un violonchelista con éxito. E haberá centos de adiñeirados así, e outros tantos que estarán en tensión polas próximas historias e os vindeiros documentos filtrados. Si, soa un pouco como a trama dun filme de espías, ou como unha novela de John Grisham. Parecerache algo moi afastado de ti, de min, da xente corrente. Por que tería que inquietarnos? Porén, o certo é que se os podentes gardan as súas fortunas en paraísos fiscais sen pagar os impostos que deberían, entón haberá menos cartos para os servizos públicos fundamentais como a sanidade, a educación, as estradas. E isto aféctanos a todos. Agora ben, para a miña organización, Global Witness, a exposición pública destes datos foi algo espectacular. Temos a líderes políticos e a medios de comunicación mundiales a falar sobre o uso que esa xente fai dos paraísos fiscais co fin de camuflar os seus bens, algo do que se leva divulgado moito dende hai unha década. Seguro que moitas persoas consideran isto algo impreciso e desconcertante e cóstalles comprender o funcionamento deste tipo de paraísos fiscais. A min gústame imaxinalo como as "matrioskas", as bonecas rusas. Podes ter unha empresa metida noutra, que á súa vez está dentro doutra, de xeito que é case imposible saber quen está realmente detrás desas estruturas. Pode ser moi difícil para as forzas de seguridade ou para as autoridades tributarias, xornalistas e a sociedade civil, comprenderen o que sucede en realidade. Tamén vexo interesante que haxa menos cobertura sobre o tema nos EE.UU. E talvez sexa porque non aparecen neste escándalo persoas importantes de EE.UU. E non é porque non haxa alí adiñeirados que agochen as súas pertenzas en paraísos fiscais. É simplemente debido á forma en que funcionan. Mossack Fonseca ten menos clientes estadounidenses. Penso que se se filtrase información das Illas Caimán, ou mesmo de Delaware, Wyoming ou Nevada, veríanse moitos máis casos e un maior vencello con EE.UU. De feito, nalgúns estados precísase menos información para crear unha empresa que para obter un carné de biblioteca. Tanta discreción en EE.UU. permitiulles aos empregados de distritos escolares estafar ao alumnado. Permitíulles a estafadores timar a inversores vulnerables. Este é o tipo de comportamento que nos afecta a todos. Por iso en Global Witness queriamos ver o que sucedería na práctica. Como funciona en realidade? Así que, o que fixemos foi enviar a un investigador infiltrado a trece bufetes de avogados de Manhattan. O noso investigador fíxose pasar por un ministro africano que quería mover fondos sospeitosos nos EE.UU. para mercar unha casa, un iate, un jet. O que realmente nos abraiou foi que todos eles, todos os avogados excepto un, lle achegaran suxestións ao noso investigador sobre como mover eses fondos sospeitosos. Todo foron reunións preliminares, e ningún avogado nos tratou como clientes, nin moito menos houbo cartos de por medio, pero fainos ver o problema do sistema. Tamén é importante ter en conta que non son casos individuais. Non se trata só dun avogado individual que falou co noso infiltrado para darlle solucións. Non ten que ver soamente cun político en particular cachado nun escándalo. Trátase dun sistema que funciona así, cheo de corrupción, evasión de impostos, pobreza e inestabilidade. E para erradicar isto, precisamos mudar o xogo. Precisamos mudar as regras do xogo, para dificultar esas condutas. Pode que todo se vexa moi negro, como se non puidésemos facer nada, como se nada tivese cambiado, como se sempre fora haber individuos ricos e podentes. Pero como optimista que son, penso que estamos ante o comezo dun cambio. Nestes últimos anos, vimos un verdadeiro esforzo por acadar unha maior transparencia no que concirne á propiedade das empresas. Este asunto colocouno na axenda política o primeiro ministro do Reino Unido, David Cameron, no gran Cumio do G8, en 2013, en Irlanda do Norte. Dende aquela, a Unión Europea comezou a crear rexistros centrais a nivel nacional, para saber quen posúe e controla as empresas de toda Europa. O máis triste é que EE.UU estase a quedar distanciado. Introduciuse unha lexislación bipartidista na Cámara de Representantes e no Senado, que non está a progresar tanto como nos gustaría. O que en realidade nos gustaría ver sería que estes documentos filtrados, esa enorme porta ao mundo dos paraísos fiscais, se utilizasen para desenmascarar todo isto en EE.UU e no resto do mundo. Para nós en Global Witness, este é un momento de mudanza. Precisamos que a xente normal se enfade ao ver como os podentes agochan a súa identidade tras empresas secretas. Necesitamos que os dirixentes empresariais se ergan e digan: "Estes segredos non son bos para os negocios". Necesitamos que os líderes políticos recoñezan este problema, e se comprometan a cambiar a lei para destapar este tipo de actuacións. Xuntos, podemos rematar con esta opacidade que consente a evasión fiscal, e que fortalece a corrupción e o branqueo de capitais.