Para alguén que non estea familiarizado coas obras de Shakespeare, a linguaxe resultaralle rara. Mais hai un segredo para apreciala. Se ben famoso polas súas obras teatrais, Shakespeare foi principalmente un poeta. Un dos elementos fundamentais da linguaxe de Shakespeare é o seu uso do acento. Non o tipo de acento no que estás a pensar, senón a forma na que enfatizamos certas sílabas dentro dunha palabra. Estamos tan acostumados a facelo que case non o percibimos nun primeiro momento. Porén, se pronuncias unha palabra despacio poderalo identificar con facilidade. Dramaturgo, ordenador, teléfono. Os poetas teñen estes acentos moi presentes, e a miúdo experimentan coa cantidade e a orde das sílabas átonas e tónicas, combinándoas de xeitos distintos para crearen o ritmo dos seus poemas. Así como os compositores, os poetas adoitan expresar as súas ideas a través da repetición destes ritmos ou métrica poética. Así coma a música, a poesía ten o seu propio conxunto de termos para describir isto. Nun verso, un pé é un número determinado de sílabas átonas e tónicas que forman unha unidade distintiva. Asimesmo, unha unidade de medida musical é o número de pulsacións. Un verso componse a miúdo de varios pés. Por exemplo, un dáctilo é un pé métrico formado por tres sílabas, a primeira tónica e a segunda e a terceira átonas. Os pés dáctilos poden dar lugar a versos máis fluídos e de maior forza como, por exemplo, no poema ''The Lost Leader'' de Robert Browning. "Just for a handful of silver he left us. Just for a rib and to stick in his coat." Outro tipo de pé é o trocaico, composto por dúas sílabas: unha tónica seguida dunha átona. O pé trocaico nestas liñas do ''Macbeth'' de Shakespeare outórganlle un ton ominoso e terrorífico ao canto das bruxas. "Double, double, toil and trouble; fire burn and cauldron bubble." Porén, na poesía de Shakespeare predomina o pé iámbico. Este pé de dúas sílabas é unha especie de troqueo invertido. Polo tanto, a primeira sílaba é átona e a segunda tónica, como en, por exemplo, ''To be, or not to be''. Concretamente, o metro favorito de Shakespeare era o pentámetro iámbico, formado por cinco iambos de dúas sílabas, facendo un total de dez sílabas por verso. Emprégase nalgúns dos versos máis famosos de Shakespeare: ''Shall I compare thee to a summer's day?'' ''Arise fair sun, and kill the envious moon'' Fíxate como os iambos sobrepasan a puntuación e a separación das palabras A métrica céntrase no son, e non na escrita. O pentámetro iámbico pode parecer técnico, pero hai unha forma fácil de recordar o que significa. A palabra ''iamb'' é pronunciada en inglés como ''I am'' (eu son) Agora vexamos isto nunha oración escrita en pentámetro iámbico. "Eu son un pirata cunha pata de pau" O pirata só pode camiñar en iambos, a viva imaxe do pé favorito de Shakespeare. O pentámetro iámbico créase cando el dá dez pasos. O noso amigo pirata mesmo podenos axudar a lembrar como marcalo correctamente se imaxinamos as pegadas que deixa ao camiñar por unha praia deserta: unha curva para as sílabas átonas é unha pegada para as tónicas. ''If music be the food of love play on'' Por suposto, a maioría das pezas de Shakespeare están escritas en prosa. Mais se les con atención, notarás que os personaxes de Shakespeare empregan a poesía, particularmente o pentámetro iámbico, polas mesmas razóns polas que usamos a poesía nas nosas vidas: para expresar a paixón, a introspección, ou o transcendental. Ben sexa cando Hamlet reflexiona sobre a súa existencia, ou cando Romeo profesa o seu amor, os personaxes recorren ao pentámetro iámbico para falaren das súas emocións e o seu lugar no mundo. O que dá lugar a unha última pregunta: Por que Shakespeare escolleu o pentámetro iámbico para estes momentos, no canto do hexámetro trocaico ou o hexámetro dactílico? Dise que o pentámetro iámbico era fácil de memorizar para os actores e para o público de comprender porque se adapta de maneira natural ao inglés. Pero é posible que haxa outra razón. Cando estés nunha situación moi emocional, coma as que fan que os personaxes de Shakespeare cambien de súpeto a verso, pon a man sobre o lado esquerdo do teu peito. Qué sentes? Ese é o teu corazón latindo en iambos. pum-PUM, pum-PUM, pum-PUM, pum-PUM, pum-PUM Os versos máis poéticos de Shakespeare non só falan sobre cousas do corazón, senón que tamén seguen o seu ritmo.