Non lle contei isto a moita xente pero na miña cabeza teño centos de mundos secretos todos ó mesmo tempo. Tamén son autista. A xente tende a diagnosticar autismo como un exame tipo test con respostas moi específicas. En realidade, hai moitas variacións. Por exemplo, o meu irmán ten autismo severo. Non pode falar en absoluto, Pero a min encántame falar. A xente soe asociar autismo con que che gusten as mates e as ciencias e xa, pero coñezo moitos autistas que gozan sendo creativos. Iso é un estereotipo, e coma todos os estereotipos case sempre ou sempre son mentira. Por exemplo, moita xente pensa en autismo e venlle Rain Man á cabeza. É unha crenza común que tódolos autistas son Dustin Hoffman, e iso non é verdade. Isto non pasa só cos autistas. Pasa tamén co colectivo LGBTQ, coas mulleres, xente de cor. Á xente dálle tanto medo a variedade que tentan meter a todo o mundo no mesmo saco cunhas etiquetas moi específicas. Isto é algo que de feito pasoume a min na vida real: Busquei "os autistas son..." en Google e apareceron certas suxestións tras o que acababa de escribir. Busquei "os autistas son..." e o primeiro resultado era "demos". Iso é o primeiro que a xente pensa cando pensa en autismo. Sábeno. (Risas) Unha das cousas que podo facer porque son autista —é mais unha capacidade que unha discapacidade— é ter unha imaxinación moi intensa. Deixádeme explicarvos. É coma se camiñase en dous mundos ó mesmo tempo. No mundo real, no que todos vivimos e noutro mundo na miña mente, e este na miña mente ás veces é moito mais real que o mundo real. É moi doado para min deixar voar a miña mente porque non intento meterme nunha caixiña pequena. Esta é unha das mellores cousas de ser autista. Non temos a necesidade de encaixar. Encontras o que queres facer, encontras a maneira, e falo. Se intentase meterme no saco, non estaría aquí, non daría conseguido a metade das cousas que teño. Hai problemas, claro. Existen problemas cando es autista, e problemas cando tes imaxinación de máis. A escola pode ser un problema, en xeral, e ter que explicarlle ao mestre tódolos días que a súa clase é aburrida e estás buscando refuxio en segredo nun teu mundo interior no que non estás nesa clase, engádelle outro problema á túa lista. (Risa) E cando a imaxinación se apodera de min, o meu corpo cobra unha nova vida. Cando algo do meu mundo interior é moi emocionante preciso correr. Teño que moverme dun lado a outro ou mesmo berrar. Isto dáme moita enerxía, e preciso unha saída a toda esta enerxía. Sempre fixen isto dende cativa, dende que era unha neniña. Meus pais pensaron que era bonito así que non falaban do conto, pero cando entrei na escola xa non pensaron que era tan bonito. Podo ser desas persoas que a xente non quere como amiga, a nena que berra na clase de álxebra. E isto normalmente non pasa nestes tempos, pero hai xente que non quere ser amiga da nena autista. Hai xente que non quere tratar con ninguén que non poida estar no saco do "normal". Pero paréceme ben, porque isto separa o gran da palla, e podo encontrar xente auténtica e pura da que facerme amiga. Pero se o pensas, que é normal? Que significa? Imaxina que ese fose o mellor piropo que che digan. "Vaia, es moi normal." (Risas) Pero piropos son, "es extraordinario" ou "es do que non hai", "es marabilloso" Se a xente quere ser estas cousas, por que hai tanta xente que morre por ser normal? Por que se desfán da súa propia luz para poder encaixar nun molde? Á xente ponlle tanto medo a variedade que intentan e obrigan a todos, incluso á xente que non quere ou non pode, a ser normal. Hai campamentos para persoas LGBTQ e para persoas autistas. Para facelos "normais". E que isto exista nesta época é polo menos aterrador. A pesar disto, non cambiaría o meu autismo nin a miña imaxinación por nada. Grazas a ser autista presentei documentais na BBC, estou a escribir un libro, e a facer isto, o que é fantástico. E unha das mellores cousas que dei conseguido foi encontrar maneiras de comunicarme cos meus irmanciños (el e ela) que non poden falar. Con frecuencia a xente anula aqueles que non poden falar, o cal é unha parvada porque os meus irmáns son os mellores irmáns que alguén podería desexar. Son os mellores e quérolles moito. Impórtanme máis que nada no mundo. Vouvos deixar cunha pregunta: Se non podemos entrar na mente da xente, autista ou non, en vez castigar o que sae fóra do normal, por que non celebramos a singularidade e nos apoiamos cada vez que alguén dea rédea solta á súa imaxinación? Grazas. (Aplausos)