Antes de facerme dermatólogo, comecei na medicina xeral, como fan moitos dermatólogos en Gran Bretaña. Ao rematar, fun a Australia, hai case vinte anos. Cando marchas a Australia aprendes que os australianos son moi competitivos. E non son magnánimos nas vitorias. E iso pasaba moito: "Ingleses, non sabedes xogar ao cricket, rugby...". Podía aceptar iso. No relacionado ao traballo, temos semanalmente un club de lectura, onde sentas cos outros médicos e estudas unha publicación científica que teña relación coa medicina. O segundo encontro foi sobre a mortalidade cardiovascular, un tema complicado. As mortes por enfermidades cardíacas, cales son as taxas. E eran competitivos sobre isto: "Ingleses, as vosas taxas de cardiopatías son tremendas." E certamente tiñan razón. Os australianos teñen un terzo menos de cardiopatías ca nós --menos mortes por ataques ao corazón, por insuficiencias cardíacas ou infartos. Adoitan ser máis sans. E claro, dicían que isto era pola súa superior integridade moral porque eles son australianos e nós frouxos inglesiños. Pero non é só que teñan mellor saúde ca Gran Bretaña. En Gran Bretaña hai un gradiente de saúde, isto chámase mortalidade estandarizada, é dicir, as probabilidades de morrer. Estes son datos dos xornais de hai vinte anos, mais segue sendo certo hoxe. Se comparamosas taxas de mortalidade a 50 graos norte --esa frecha sinala o sur, Londres e contorna-- e a 55º norte, a mala noticia é que Glasgow é isto de aquí. Eu son de Edimburgo. Peores novas aínda en Edimburgo. (Risos) Entón, que é o que pasa neste terrible espazo, aquí entre nós, no sur de Escocia, e o sur? Xa sabemos o dos fumadores, as barriñas Mars fritidas, as patacas... a dieta de Glasgow. Todo iso. Mais esta gráfica xa ten en conta, todos estes factores de risco coñecidos. Isto xa ten en conta fumadores, clase social, dieta, todos eses factores de risco coñecidos. Quédanos este espazo perdido, de mortes crecentes canto máis vaias ao norte. A luz do sol, por suposto, inflúe. A vitamina D tivo moi mala prensa, e moita xente preocúpase por ela. E precisamos a vitamina D. Agora é unha obriga que os nenos teñan unha cantidade concreta. Miña avoa medrou en Glasgow, alá polo 1920 e os anos 30, cando o raquitismo era un gran problema e chegou o aceite de fígado de bacallau. Iso solucionou o raquitismo que era tan común nesta cidade. A min, de pequeno, miña avoa fíxome tomar este aceite. Obviamente... ninguén esquece nunca o aceite de fígado de bacallau. Unha cuestión: canto máis altos son os niveis de vitamina D na xente, menos cardiopatías e menos cancros teñen. Hai moitas estatísticas que indican que a vitamina D é boa para nós. E así é, para previr raquitismo e iso. Pero se lle dás á xente suplementos de vitamina D, non cambias esa alta taxa de cardiopatías. E as probas de que preveña o cancro aínda non son definitivas. Entón o que vou suxerir é que a vitamina D non é o único importante aquí. Non é a única razón que prevén unha cardiopatía. Niveis altos de vitamina D, penso eu, son indicadores da exposición á luz solar, e a exposición á luz solar, nos mecanismos que vou ensinar, é boa para as enfermidades do corazón. En calquera caso, volvín de Australia e, a pesar dos obvios riscos para a miña saúde, mudeime a Aberdeen, (Risos) Agora, en Aberdeen, comecei a miña formación como dermatólogo. Pero tamén me interesei na investigación, e sobre todo nesta substancia, o óxido nítrico (NO). Estes tres tipos de aquí, Furchfott, Ignarro e Murad, gañaron o Premio Nobel de Medicina en 1998. Foron as primeiras persoas en describir este novo transmisor químico, o óxido nítrico. O óxido nítrico (NO) dilata os vasos sanguíneos, así baixa a túa presión sanguínea. Tamén dilata as arterias coronarias, co que detén as anxinas. E o que é máis impresionante del é que no pasado, cando pensabamos en mensaxeiros químicos dentro do corpo, pensabamos en cousas complicadas como estróxeno e insulina, ou a transmisión nerviosa. Procesos moi complexos con substancias químicas moi complexas que encaixan en receptores moi complexos. E velaquí esta molécula incriblemente simple, un nitróxeno e un osíxeno pegados, que son tamén moi importantes para manter baixa a presión arterial, para a neurotransmisión e para outras moitas cousas, especialmente para a saúde cardiovascular. Comecei a investigar e descubrimos, de xeito moi emocionante, que a pel produce óxido nítrico. Así que non xorde só no sistema cardiovascular. Xorde na pel. Despois de descubrilo e publicalo pensei, que é o que fai? Como tes baixa presión arterial na pel? Non é o corazón. Que facemos logo? Marchei aos Estados Unidos, como fai moita xente que quere investigar, e pasei uns poucos anos en Pittsburgh. Velaí Pittsburgh. Interesábanme estes sistemas tan complexos. Pensabamos que o óxido nítrico podía afectar á morte das células, a como sobreviven e á súa resistencia a máis cousas. Entón comecei a traballar no cultivo de células, e usei modelos de rato "knockout" --ratos con xenes desactivados-- Traballamos nun mecanismo en que o NO lles axudaba ás células a sobrevivir. Daquela mudeime outra vez a Edimburgo. Alí o animal de laboratorio que usamos foi o estudante de medicina É unha especie próxima ao ser humano, con moitas vantaxes sobre os ratos: son libres, non os tes que afeitar nin alimentar, e ninguén se manifesta diante do despacho dicindo "Salva ao estudante de medicina de laboratorio". Polo que son un coello de indias ideal. Atopamos que non podiamos reproducir en persoas os datos recollidos dos ratos. Parecía que non podiamos frear a xeración do óxido nítrico na pel humana. Puxémoslles cremas para bloquear o encima que o xeraba, inxectámoslles cousas. Non podiamos parar o óxido nítrico. A razón era --descubrímolo despois de dous ou tres anos de traballo-- que na pel temos uns enormes almacéns, non de óxido nítrico, que é un gas, e logo de liberado... puf! Nuns segundos desaparece, mais pode encontrarse noutras formas: nitrato (NO3), nitrito (NO2), tionitritos. Estes son máis estables, e a túa pel ten enormes almacéns de NO. Despois pensamos, se estes almacéns, poderían ser activados pola luz solar para liberar o óxido desde a pel, onde os almacéns son dez veces máis grandes do que son na circulación. Podería o sol activar estes almacéns cara á circulación, e aí, na circulación, facer cousas boas para o sistema cardiovascular? Ben, eu son dermatólogo experimental, e o que fixemos foi pensar que debiamos expoñer os coellos de indias á luz solar. Así que collemos unha serie de voluntarios e expuxémolos á luz ultravioleta. Son unha especie de lámpadas solares. Agora ben, fomos coidadosos co seguinte, a vitamina D está feita de raios ultravioleta B e queriamos separar o noso estudo do estudo da vitamina D Así que usamos ultravioleta A, que non xera vitamina D. Cando puxemos xente baixo a lámpada durante o equivalente a 30 minutos de sol no verán en Edimburgo, o que producimos foi un crecemento na circulación de óxido nítrico. Entón, ao poñer estes suxeitos baixo a luz ultravioleta, os seus niveis de NO medraron, e a súa presión arterial diminuíu. Non moito, a nivel individual, pero abondo a nivel poboacional, como para cambiar as taxas de enfermidades cardíacas en toda a poboación. Cando lles diriximos raios ultravioleta, ou cando os quentabamos ao mesmo nivel que as propias lámpadas, impedindo que os raios acadaran a pel, iso non sucedía. Parece ser unha característica dos raios ultravioleta cando acadan a pel. Agora aínda estamos recollendo datos. Algunhas cousas boas: O efecto é máis pronunciado nas persoas maiores. Non sei canto exactamente. Aquí, un dos suxeitos foi miña sogra, de quen, obviamente, non sei a idade. Mais certamente en xente maior que a miña muller, este parece ser un efecto máis pronunciado. Outra cousa que debo mencionar é que non houbo cambios na vitamina D. Isto é independente da vitamina D. Así que a vitamina D é boa para ti: frea o raquitismo, prevén o metabolismo do calcio, etc. Mais isto é un mecanismo independente da vitamina D. Un problema coa presión arterial é que o corpo fai todo o que precisa, para manter estable a presión arterial. Se che cortan a perna e perdes sangue, o corpo toma medida:, incrementa o ritmo do corazón, fai todo o posible para manter a presión arterial. É un principio fisiolóxico fundamental. O que fixemos despois foi comezar a observar a dilatación dos vasos sanguíneos. Medimos --fíxense que sen cola e sen pelo, este é un estudante de medicina. (Risos) No brazo, pódese medir o fluxo sanguíneo, calculando o que este incha cando o sangue o atravesa. Demostramos que facendo unha irradiación simulada, nesta liña máis grosa, radiando raios ultravioleta no brazo para quentalo, manténdoo cuberto para que os raios non acaden a pel, non hai cambio no fluxo sanguíneo, na dilatación dos vasos sanguíneos. Pola contra, a irradiación activa, durante a radiación ultravioleta e ata unha hora despois , provoca dilatación dos vasos sanguíneos. Este é o mecanismo polo que a presión arterial baixa, polo que se dilatan as arterias coronarias, para que o corazón subministre sangue. Aquí hai máis datos sobre os raios ultravioleta (UV), a luz solar, que ten beneficios no fluxo sanguíneo e no sistema cardiovascular. Pensamos que conseguiramos un modelo, diferentes cantidades de UV acadan a Terra en diferentes momentos do ano, así pódense activar os almacéns de óxido nítrico, os nitratos, nitritos, tionitritos na pel... descompostos para liberar NO. Diferentes lonxitudes de onda da luz teñen diferentes mecanismos para facelo. Pódese ver a lonxitude de onda da luz que o fai. Pódese observar que se vives no ecuador, o sol chega xusto sobre a cabeza, atravesa unha capa fina de atmosfera. A cantidade de luz é a mesma no inverno e no verán. Se vives aquí no norte, no verán o sol chega directamente, pero no inverno atravesa unha gran cantidade de atmosfera, e moitos dos raios ultravioleta desfanse, e o rango das lonxitudes de onda que golpean a Terra é diferente no verán e no inverno. Entón podes multiplicar estes datos polo NO que se libera e podes calcular canto sería liberado pola pel na circulación. Agora ben, se vives no ecuador, nestas dúas liñas de aquí, as liñas vermella e violeta, a cantidade de óxido nítrico que se libera é a área baixo a curva, a área neste espazo de aquí. Entón se estás no ecuador, en decembro ou en xuño, libéranse grandes cantidades de NO da pel. Na cidade de Ventura, no sur de California, o verán pode ser tal e como é no ecuador. É xenial. Libérase un montón de NO. Ventura, na metade do inverno, hai aínda unha boa cantidade. En Edimburgo, no verán, a área baixo a curva é bastante boa, mais Edimburgo no inverno, a cantidade de NO que pode ser liberada é case nula, pequenas cantidades. Entón que pensamos? Seguimos traballando no estudo, estamos desenvolvéndoo e expandíndoo. Pensamos que é moi importante. É probable que explique o gradiente de saúde entre o norte-sur do Reino Unido, É relevante para nós. Pensamos que a pel, sabemos que a pel ten grandes almacéns de óxido nítrico baixo formas diversas. Sospeitamos que isto procede da dieta, vexetais de folla verde, remolacha e leituga, teñen moitos destes óxidos de nitróxeno que pensamos que van á pel. Pensamos que están almacenados na pel, e pensamos que a luz solar os libera, onde teñen, polo xeral, efectos beneficiosos. Isto é un traballo en curso, pero os dermatólogos, é dicir, eu son un dermatólogo. O meu traballo diario é dicirlle á xente: "Tes cancro de pel por culpa da luz solar, non te poñas ao sol". Penso que unha mensaxe realmente máis importante é que a luz solar produce beneficios e riscos. Si, a luz solar é o principal factor de risco modificable de cancro de pel, pero hai centos de veces máis mortes por enfermidades do corazón ca por cancro de pel. Creo que necesitamos ser máis conscientes disto, e atopar a relación de risco-beneficio. Canta luz solar é segura, e como podemos axustar mellor isto para a nosa saúde xeral? Moitas grazas, de verdade. (Aplausos) [Recoñecementos]