Cando eu era un rapaz, o desastre que máis temiamos era unha guerra nuclear. Por iso tiñamos no soto un barril coma este, cheo de conservas e de auga. Cando o ataque nuclear viñese, teriamos que baixar ao soto, agocharnos nel e comer dese barril. Na actualidade, o maior risco de catástrofe global non se parece a isto. Máis ben, parécese a isto. Se algo ha matar máis de 10 millóns de persoas nas vindeiras décadas, é moito máis probábel que sexa un virus altamente contaxioso ca unha guerra. Non mísiles, senón microbios. En parte, isto é así porque fixemos grandes investimentos en disuasión nuclear. Pero investimos moi pouco nun sistema que free unha epidemia. Non estamos preparados para a próxima epidemia. Ollemos para o ébola. Seguro que todos lestes no xornal cousas sobre el, sobre os seus grandes desafíos. Eu seguino con detalle coas ferramentas de análise que usamos para seguir a erradicación da poliomielite. Se se observa o que ocorreu, o problema non foi ter un sistema que non funcionou abondo ben, o problema foi que non existía ningún sistema. De feito, faltan pezas clave moi obvias. Non había un grupo de epidemiólogos listo para ir, que iría, para ver que enfermidade era e canto se espallara. Os informes chegaron en papel. Tardouse moito tempo en publicalos en liña e eran terriblemente imprecisos. Non había un equipo médico listo para ir. Non había xeito de preparar á xente. Médicos Sen Fronteiras fixo un gran labor organizando voluntarios. Pero aínda así, fomos máis lentos do que debiamos ser para enviar os miles de traballadores a eses países. E para unha grande epidemia precisariamos centos de miles de traballadores. Non había ninguén alí para analizar abordaxes de tratamento. Ninguén para analizar os diagnósticos. Ninguén para descubrir que ferramentas deberían usarse. Por exemplo, podiamos coller sangue dos superviventes, procesalo, e volver colocar ese plasma nas persoas sas para as protexer. Pero nunca tal se intentou. Faltaron unha chea de cousas. E esas cousas foron un fallo global. A OMS fundouse para controlar epidemias, non para facer isto que estamos falando. Nos filmes é bastante diferente. Hai un grupo de epidemiólogos guapos listos para partir, que entran en escena e amañan o problema, pero iso só pasa en Hollywood. A incapacidade para prepararnos pode facer a próxima epidemia moitísimo máis devastadora que o ébola. Ollemos para a progresión do ébola durante este ano. Morreron arredor de 10 000 persoas, case todas elas nos tres países da África Occidental. Hai tres razóns para que a doenza non se espallase máis. A primeira: o traballo heroico que fixeron moitos traballadores sanitarios. Atoparon as persoas e impediron máis infeccións. A segunda: a natureza do virus. O ébola non se espalla polo ar. Cando unha persoa pode contaxiar adoita estar tan enferma que está encamada. A terceira: non entrou en moitas áreas urbanas. Iso foi pura sorte. Se chega a entrar nelas, o número de casos sería moito maior. Pero a próxima, se cadra non temos tanta sorte. Pode ser un virus que non faga sentirse enfermo a quen o transmite, polo que viaxan en avión ou van ao mercado. A fonte do virus pode ser natural, coma no ébola, ou pode vir do bioterrorismo. Hai variables que poderían empeoralo todo mil veces. De feito, ollemos para o modelo de expansión dun virus polo ar, como a gripe española de 1918. Isto é o que pasaría: Espallaríase por todo o mundo moi, moi rápido. Fíxense en que 30 millóns de persoas morreron naquela epidemia. Por iso, este é un problema grave. Deberiamos preocuparnos. Pero podemos construír un sistema de resposta moi bo. Temos os beneficios de toda a ciencia e a tecnoloxía das que tanto falamos aquí. Temos móbiles para recibir e difundirlle información ao público. Temos mapas de satélite en que podemos ver onde están e a onde van as persoas. Temos avances en bioloxía que debían mudar radicalmente o tempo preciso para estudar un patóxeno. e ser capaces de producir medicamentos e vacinas adecuados contra el. Podemos ter ferramentas, pero hai que poñelas no marco dun sistema de saúde global. E precisamos prepararnos. As mellores leccións, ao meu ver, sobre como facelo son, unha vez máis, o que facemos para a guerra. Temos soldados a xornada completa, listo para partir. Temos reservistas que poden incrementar o número de tropas. A OTAN ten unha unidade móbil que pode despregarse moi rapidamente. A OTAN fai manobras para comprobar se as tropas están ben adestradas, se entenden de combustíbel e loxística e se usan as mesmas frecuencias de radio. Por iso, están totalmente preparadas para partir. Este é o tipo de cousas que precisamos para lidar cunha epidemia. Cales son as claves? Un: cómpren sistemas de saúde fortes nos países pobres. Que as nais poidan dar a luz con seguranza, que os nenos reciban todas as súas vacinas. Pero tamén, onde poidamos detectar o brote moi axiña. Precisamos corpos médicos de reserva: xente que teña formación e experiencia, que estea lista para ir, que teña coñecementos. Precisamos integrar eses médicos cos militares, aproveitando a capacidade destes últimos para moverse rápido, organizar a loxística e protexer zonas. Precisamos de facer simulacros, manobras microbianas en vez de militares, para detectar os fallos. A última vez que se fixeron manobras microbianas nos EE. UU. foi en 2001, e non saíron aí moi ben. De momento, o marcador vai: Xermes: 1 - Persoas: 0. Por último, precisamos moito I+D no terreo das vacinas e os diagnósticos. Hai algúns grandes descubrimentos, coma os virus adenoasociados, que poderían funcionar moi, moi axiña. Non teño unha factura exacta do que isto podería custar, pero estou seguro de que moi pouco se o comparamos cos posibles danos. O Banco Mundial estima que, de termos unha epidemia global de gripe, a riqueza global diminuirá en máis de tres billóns de dólares e teriamos millóns e millóns de mortes. Estes investimentos ofrecen importantes vantaxes á parte de preparármonos para a epidemia. A atención primaria, o I+D poderían reducir a desigualdade global en saúde e farían este mundo máis xusto e seguro. Por iso, penso que esta debería ser unha prioridade absoluta. Non é preciso caer no pánico. Non nos fai falta acumular latas de conservas nin baixar aos sotos. Pero temos que comezar, porque o tempo corre en contra nosa. De feito, se da epidemia do ébola pode quitarse algo positivo é que pode servir de aviso previo, de alerta para acordar, para prepararnos. Se comezamos agora, podemos estar listos para a próxima epidemia. Grazas. (Aplausos)