(Aplausos) O primeiro paciente que foi tratado con antibióticos foi un policía de Oxford. No seu tempo de lecer, namentres traballaba no seu xardín rabuñouse coa espiña dunha rosa e esa pequena ferida infectouse. Nos seguintes días a súa cabeza foise inflamando, a causa da aparición de abscesos, e de feito, tiña un ollo tan infectado que llo tiveron que sacar. En febreiro de 1941, o pobre home estaba a piques de morrer. Estaba ingresado no Radcliffe Infirmary de Oxford e por sorte para el, había un pequeno equipo médico baixo a dirección do Dr. Howard Florey que conseguira sintetizar un chisco de penicilina, un fármaco que fora descuberto 12 anos antes por Alexander Fleming, pero que xamais se usara para tratar doenzas humanas e que ninguén sabía se ía funcionar ou se as impurezas que contiña matarían o paciente. Aínda así, Florey e o seu equipo decidiron usalo, xa que postos a facelo, mellor con alguén que fose morrer de tódalas maneiras. Polo tanto, déronlle a menciña a Albert Alexander, o policía de Oxford, e nas primeiras 24 horas, comezou a mellorar. Baixoulle a febre e recuperou o apetito. No segundo día, a súa mellora foi considerable, pero comezaban a quedar sen penicilina polo que utilizaron os ouriños deste co fin de resintetizar máis penicilina e administrarlla de novo, o cal funcionou. No cuarto día a recuperación ía por bo camiño. Semellaba un milagre, mais no quinto día, esgotouse a penicilina e o coitado morreu. Esta historia non rematou ben, pero, por sorte para millóns de persoas, coma esta nena que foi tratada a comezos de 1940, quen tamén estaba a morrer por unha septicemia, e tan só en seis días, como podedes ver, recuperouse grazas ao marabilloso fármaco da penicilina. Millóns de persoas sobreviviron e mudou a saúde global. Os antibióticos téñense empregado en pacientes coma este aínda que tamén se empregaron á lixeira nalgunhas circunstancias, para tratar un simple constipado ou gripe, enfermidades elas con moi baixa resposta aos antibióticos. Tamén se teñen empregado de forma masiva, subterapeuticamente, é dicir, en baixas concentracións, co obxectivo de que galiñas e porcos engorden moi rápido. Tan só para aforrar algún céntimo no prezo da carne, gastamos moitísimo en antibióticos para animais, non para tratar os que están enfermos, senón, principalmente, para potenciar o seu crecemento. Co cal, a que nos levou isto? Basicamente, o uso masivo de antibióticos por todo o mundo trouxo o problema da resistencia das bacterias debido ao feito da selección das máis fortes, grazas a que nós mesmos fixemos posible a selección. Teño a certeza de que todos leron nos xornais sobre o tema, que o viron nas revistas que tiñan á man, pero realmente quero que se dean conta da importancia deste problema. Isto é serio. A seguinte diapositiva que lles vou amosar é unha mostra da resistencia do Acinetobacter ao carbapenem. O Acinetobacter é un perigoso xerme hospitalario e o carbapenem é un dos tipos de antibióticos máis poderosos que se pode administrar contra ese xerme. Poden ver que en 1999 a mostra de datos sobre a resistencia, situábase na súa meirande parte por debaixo do 10 % en todo EE. UU. Agora vexan o que acontece ao avanzar o vídeo. Non sei onde viven vostedes pero sexa onde sexa, seguramente a situación é peor agora que no 1999, ese é o problema da resistencia aos antibióticos. É un problema mundial que afecta aos países pobres e aos ricos por igual aínda que no fondo, poderiades pensar non pasa nada, só é un problema médico! Se lles ensinásemos aos médicos a non dar tantos antibióticos e aos pacientes a non pedilos, ao mellor non sería un problema e se cadra as compañías farmacéuticas farían o esforzo de desenvolver novos antibióticos. Resulta que hai algo fundamental sobre os antibióticos que os fai distintos doutros fármacos, e é que se uso antibióticos, correcta ou incorrectamente, non só é cousa miña senón que afecta aos demais tamén, da mesma maneira que se escollo ir traballar en coche ou coller un avión para ir a algures, o custo que impoño aos demais polo quecemento global, distribúese por todas partes, aínda que eu non teña este custo en conta necesariamente. Na economía chamaríanlle a isto a traxedia dos bens comúns e é o mesmo problema que temos cos antibióticos, que nós non temos en conta —nós inclúe a todo individuo, pacientes, hospitais, sistemas de saúde completos— non temos en conta os custos que lles impoñemos aos demais debido a como empregamos os antibióticos. É un problema semellante ao que acontece noutro eido que ben coñecemos, o consumo de combustible e o uso da enerxía, e, por suposto, o consumo de enerxía, ademais de esgotar os recursos, causa contaminación local e cambio climático. E, no caso da enerxía, hai dúas maneiras de atallar o problema. Unha é facer un mellor uso do petróleo que temos e, por analoxía, iso sería facer un mellor uso dos antibióticos existentes. Iso podémolo facer de distintas maneiras das que falarei máis adiante pero a outra opción é a opción de "perfora, perfora", que, no caso dos antibióticos, tradúcese en atopar novos antibióticos. Estas opcións non están separadas. Van da man xa que, se investimos moito en novos pozos petrolíferos, reducimos o incentivo para a conservación do petróleo existente, do mesmo xeito que ocorrerá cos antibióticos. No caso contrario sucederá que, se empregamos os antibióticos axeitadamente, non necesariamente teremos que investir no desenvolvemento de novos fármacos. Se pensabades que estabamos en completo equilibrio entre estas dúas opcións, en realidade estamos a xogar a un xogo. O xogo da coevolución. e a coevolución dáse, nesta imaxe en particular, entre guepardos e gacelas. Os guepardos evolucionaron para correr máis rápido xa que, se non o fixesen, non obterían comida ningunha. As gacelas evolucionaron para correr máis rápido pois se non corresen máis rápido, elas serían a comida. Xogamos ao mesmo contra as bacterias, salvo que nós non somos os guepardos, somos as gacelas, e, no que dura esta curta conferencia, as bacterias puideron ter fillos e netos, e achar como ser resistentes por selección e ensaio e erro, intentándoo unha e outra vez. Namentres, como lles ganamos a carreira as bacterias? Nós contamos con procesos para descubrir fármacos, analizamos moléculas, facemos probas clínicas, e, cando cremos ter un bo fármaco, temos aínda o proceso regulador do FDA. Despois de superar todo iso, procuramos ir un paso por diante das bacterias. Abofé que isto non é un xogo que poida prolongarse ou ganarse tan só innovando para ir por diante. Temos que retardar o proceso da coevolución e hai ideas que podemos coller emprestadas do campo da enerxía que nos poden axudar a pensar nas medidas que poderíamos tomar no caso dos antibióticos. Pensade, por exemplo, na xestión do prezo da enerxía. Temos uns impostos sobre as emisións de gases, onde se teñen en conta os custos da contaminación, que recaen nas persoas que consomen esa enerxía. Poderiamos contemplar facer o mesmo cos antibióticos, o que quizais aseguraría que se usan axeitadamente. Tamén hai subsidios á enerxía limpa, os cales permiten cambiar a combustibles que no contaminan tanto ou incluso para non utilizar combustibles fósiles. A analoxía neste caso é que quizais temos que absternos de usar antibióticos, e se vos poñedes a pensar, cales son bos substitutos dos antibióticos? Pois resulta que, calquera cousa que reduza a necesidade de antibióticos sería eficaz. Por exemplo, mellorar o control das infeccións hospitalarias ou vacinar a xente, sobre todo contra a gripe estacional. A gripe estacional é probablemente o impulsor principal detrás do consumo de antibióticos, tanto neste país coma en outros moitos, e iso realmente podería axudar. A terceira opción suporía algo parecido aos permisos comercializables. Pode que parezan posibilidades remotas, pero se se tivera en conta o feito de que quizais non hai antibióticos suficientes para todos os infectados, poderiamos contemplar asignar algúns destes antibióticos a uns pacientes e non a outros, en función das necesidades clínicas, pero tamén do prezo do tratamento. Educar aos consumidores sen dúbida funciona. Moitas veces, a xente abusa dos antibióticos ou estanse a receitar de máis, sen razón. Tamén sabemos que, ao igual que no caso da enerxía, os mecanismos de retroalimentación poden ser útiles. Se a un o avisan de que está a consumir moita enerxía durante a hora punta, un mesmo procura diminuír o seu consumo, e o mesmo feito dáse até no caso dos antibióticos. Un hospital de St. Louis acostumaba poñer nun taboleiro os nomes dos cirurxiáns ordenados por cantos antibióticos utilizaran no mes anterior e só o facían pola retroalimentación informativa, sen intención de humillalos, pero, en esencia, proporcionábanlles aos cirurxiáns unha información coa que podían reflexionar sobre como usaban os antibióticos. Aínda queda moito por facer en canto á subministración tamén. Se miran os prezos da penicilina, o custo por día é duns 10 céntimos. É un fármaco bastante barato. Os fármacos introducidos posteriormente —a linezolida e a daptomicina— son moito máis caros. Nun mundo que está afeito a pagar 10 céntimos ao día por un antibiótico, a idea de pagar 180 dólares ao día semella moito Que nos pode dicir isto? O prezo estanos a mostrar que no futuro no imos ter antibióticos baratos dos que botar man. Ese prezo é un sinal de que ao mellor temos que prestar moita máis atención ao aforro. Ese prezo tamén é un sinal de que ao mellor é hora de comezar a botarlles unha ollada a outras tecnoloxías, do mesmo xeito que o prezo da gasolina é un sinal e un estímulo para desenvolver coches eléctricos. Os prezos son sinais importantes e necesitamos prestarlles atención, pero tamén teñan en conta que, aínda que os prezos nos parezan insólitos para un antibiótico, non son nada comparados co prezo diario dalgúns fármacos contra o cancro que salvan a vida do paciente durante algúns meses ou quizais un ano, namentres que o antibiótico podería salvarlle a vida ao paciente para sempre. Polo tanto, todo isto esixe un cambio cara a un novo paradigma, un cambio que dá medo, xa que en moitos lugares deste país, e en moitos outros lugares do mundo, a idea de pagar 200 dólares por un día de tratamento con antibióticos é simplemente inimaxinable. Así que debemos pensar niso. Agora ben, hai outras opcións, outras tecnoloxías alternativas nas que se está a traballar. Entre outras, os bacteriófagos, os probióticos, a percepción de quórum e os simbióticos. Todos son bos camiños para explorar e volveranse aínda máis lucrativos cando o prezo dos novos antibióticos comece a subir. Xa vimos que o mercado responde e o goberno agora está a pensar en formas de subvencionar novos antibióticos e o seu desenvolvemento. Aínda así existen desafíos. Non podemos limitarnos a meterlle cartos ao problema. Queremos ser capaces de investir en novos antibióticos e tamén en maneiras que promovan o uso e venda adecuados deses antibióticos, e ese é o auténtico desafío. Volvendo á tecnoloxía, todos recordan esa frase dunha coñecida película sobre dinosauros: "A vida atopará un camiño". Isto non son solucións permanentes. Debemos recordar que, calquera que sexa a tecnoloxía, a natureza atopará o xeito de contrarrestala. Se cadra estades a pensar que só é un problema cos antibióticos e as bacterias, pero dáse o feito de que temos exactamente o mesmo problema en moitos outros eidos, coa tuberculose multirresistente (MDR TB), un grave problema na India e Suráfrica. Milleiros de pacientes morren porque os fármacos de segunda liña son moi caros e, ás veces, nin sequera funcionan e ademais temos a XDR TB. Os virus vólvense resistentes. Están as pragas na agricultura. Os parasitos da malaria. Hoxe en día a meirande parte do mundo depende dun medicamento, os derivados da artemisina, fundamentalmente para o tratamento da malaria. A resistencia á artemisina xa chegou e se comezara a espallarse, poría en risco o único fármaco co cal tratamos a malaria con eficacia e sen perigo, en todo o mundo. Os mosquitos vólvense resistentes. Se teñen fillos, seguro que lles soarán os piollos, e se son da cidade de Nova York, teño entendido que alí a especialidade son as chinches. Pois tamén son resistentes. Tamén temos un exemplo no outro lado do charco. Resulta que as ratas tamén son resistentes ao veleno. O que todos estes casos teñen en común é a idea de que temos estas tecnoloxías para controlar a natureza desde hai só 70, 80 ou 100 anos e, nun abrir e pechar de ollos, estragamos a nosa capacidade para controlala porque non nos demos conta de que a selección natural e a evolución ían achar como atopar un camiño e temos que repensar por completo como vamos empregar as medidas para controlar os organismos biolóxicos e reformular como incentivamos o desenvolvemento e a introdución, neste caso a prescrición dos antibióticos, e o uso deste valioso recurso. Realmente necesitamos comezar a consideralos como recursos naturais. Agora estamos nunha encrucillada. Unha opción lévanos á reformulación e a consideración precavida dos incentivos para mudar o modelo de negocio. A alternativa é un mundo no que ata unha folla de herba pode ser unha arma letal. Grazas. (Aplausos)