George e Charlotte Blonsky, que eran un matrimonio residente no Bronx en Nova York, inventaron algo. Conseguiron unha patente en 1965 para o que eles denominaron "un aparello para asistir a mulleres no parto." Este aparello consiste nunha gran mesa redonda e algún dispositivos mecánicos. Cando a muller está lista para dar a luz, deitase, é amarrada á mesa, que se pon a xirar a gran velocidade. O neno sae voando (Risos) grazas á forza centrífuga. (Risos) Se mirades detidamente a súa patente, especialmente se tedes formación ou coñecementos en enxeñaría, podedes concluír que vedes un ou dous puntos onde o deseño non é apropiado de todo. (Risos) O Dr. Ivan Schwach en California é unha das persoas que foron esenciais para axudar a responder a pregunta "Por que aos picapaus non lles doe a cabeza?" E resulta que a resposta é que os seus cerebros están colocados nos seus cranios dun modo diferente a como os seres humanos temos empaquetados os nosos cerebros. Os picapaus, normalmente, petan, e baten coa cabeza contra un toro de madeira milleiros de veces ao día. Cada día! E polo que se sabe, iso non os molesta nin un chisco. Como ocorre isto? O seu cerebro non anda abaneando coma o noso. O seu cerebro está empaquetado de forma moi axustada, polo menos para os golpes que veñen de fronte. Non moita xente se fixou nesta investigación ata estes últimos anos cando, neste país sobre todo, está espertando a curiosidade co que ocorre cos cerebros dos xogadores de fútbol americano que petan seguido coas súas cabezas. E o picapau quizais estea relacionado con isto. Hai un artigo publicado na revista médica "The Lancet" en Inglaterra hai uns anos titulado "Un home que picou o dedo e cheiroulle podre durante 5 anos." A Dra. Caroline Mills e o seu equipo atenderon este paciente e non souberon que facerlle. O home cortara o dedo, traballaba procesando polos, e entón comezou a cheirar moi moi mal. Tan mal que cando entrou na sala cos médicos e enfermeiras, non podían aturar estar na sala con el. Era insoportable. Probaron todas as medicinas, todos os tratamentos que se lles ocorreron. Despois dun ano, aínda cheiraba a podre. Despois de dous anos, aínda cheiraba a podre. Tres anos, catro anos, aínda cheiraba a podre. Despois de cinco anos, o cheiro marchou el só. É un misterio. En Nova Zelandia, a Dra. Lianne Parkin e o seu equipo analizaron unha vella tradición da súa cidade. Viven nunha cidade que ten outeiros enormes, grandes coma os de San Francisco. E alí no inverno vai moito frío, e hai moitas xeadas. Hai moitas lesións. A tradición que analizaron, analizárona pedíndolle á xente que ía para o traballo pola mañá, que pararan e probaran algo. Probar unha de dúas condicións. A tradición é que no inverno, nesa cidade, levas os calcetíns por fóra das botas. E o que descubriron co experimento, e foi bastante gráfico cando o viron, é que era certo. Que se levas os calcetíns por fóra no canto de por dentro, é máis probable que sobrevivas e non esvares nin caias. Espero que esteades de acordo comigo que estas cousas que vos acabo de describir, calquera delas, merecen algún tipo de premio. (Risos) E conseguírono, cada un deles ten un Premio Ig Nobel. En 1991, eu, con outra morea de xente, comezamos a cerimonia dos Premios Ig Nobel. Cada ano damos 10 premios. Os premios están baseados nun só criterio. É moi sinxelo. É que fixeras algo que primeiro lle faga rir á xente, e despois pensar. Que o que fixeras lle faga rir á xente e despois pensar. Sexa o que sexa, ten un aquel que cando a xente se atopa con iso a súa única reacción posible é a risa. E unha semana máis tarde, aínda lle repica na cabeza e morre por ir contárllelo aos amigos. Velaí a calidade que buscamos. Cada ano, andamos ao redor de 9000 novas candidaturas aos Premios Ig Nobel. Delas, entre o 10 por cento e o 20 por cento son persoas que se candidatan a si mesmas. (Risos) Estes case nunca gañan. É moi difícil, estatisticamente, gañar un premio se o queres. E incluso se non o queres, é moi difícil estatisticamente. Debedes saber que cando escollemos unha persoa para gañar un Ig Nobel, contactamos con ela discretamente, ofrecémoslle a opción de rexeitar este grande honor, se quere. Por sorte para nós, case todos aos que lles ofrecemos o Premio deciden aceptalo. Que consegues se gañas un Premio Ig Nobel? Pois varias cousas. Consegues un Premio Ig Nobel. O deseño é diferente cada ano. (Risos) Están sempre feitos á man con materiais sumamente baratos. Estades vendo unha imaxe do premio que entregamos o ano pasado, 2013. A maioría dos premios do mundo tamén dan aos gañadores algún diñeiro en efectivo. Nós non temos cartos, así que non podemos dalos. De feito, os gañadores deben pagar do seu peto a viaxe á cerimonia dos Ig Nobel, e a maioría fano. O ano pasado, no entanto, si demos xuntado uns poucos cartos. Cada un dos 10 gañadores dos Ig Nobel recibiron de nós 10 trillóns de dólares. Un billete de 10 trillóns de dólares de Zimbabwe. (Risos) Pode que recordedes que Zimbabwe tivo unha pequena aventura de inflación durante uns cantos anos. Acabaron imprimindo billetes con valores nominais tan grandes como 100 trillóns de dólares. A persoa responsable, que dirixe o seu banco nacional, gañou o Premio Ig Nobel de matemáticas. (Risos) A outra cousa que gañas é unha invitación para vir á cerimonia que ten lugar na Universidade de Harvard E cando estás alí, chegas á maior aula e lugar de reunión de Harvard. Caben 1100 persoas, está cheo a rebentar, e no escenario agardando para darche a man, agardando para entregarche o teu Ig Nobel, hai unha morea de gañadores do Premio Nobel. Iso é a cerna da cerimonia. Os gañadores non se coñecen ata ese momento, incluso os galardoados co Nobel que lles darán a man non saben quen son ata que os anuncian. Vou contarvos algúns outros dos premios relacionados coa medicina que xa demos. Tede en conta que levamos dado 230 premios. Hai moita desta xente que anda entre vós. Quizais ti teñas un. Hai uns 30 anos publicouse un artigo titulado "Lesións causadas por caída de cocos." Escribiuno o Dr. Peter Barss, que é canadense. O Dr. Barss veu á cerimonia e explicou que como médico novo, quería ver mundo. Foi a Papúa-Nova Guinea. Unha vez alí, traballou nun hospital, e tiña curiosidade pola clase de cousas que lle pasaba á xente para acabar no hospital. Revisou os rexistros e descubriu que un número sorprendentemente amplo de persoas estaban no hospital por lesións causadas pola caída de cocos. Algo normal que ocorre é que a xente viña das montañas, onde non hai moitos coqueiros, a visitar aos parentes da costa, onde hai moitos. E pensan que un coqueiro é un bo lugar para estar ou se cadra deitarse. Un coqueiro duns 27 metros de alto, que ten cocos que pesan case un kilo e poden caer en calquera momento. Un grupo de médicos en Europa publicou unha serie de artigos sobre colonoscopias. Todos estades familiarizados con elas, dun xeito ou outro. Ou nalgúns casos, dun xeito e doutro. (Risos) Nestes artigos, explicábanlles aos seus colegas que practicaban colonoscopias, como minimizar a posibilidade de que cando practicas a colonoscopia, o teu paciente estoupe. (Risos) O Dr. Emmanuel Ben-Soussan, un dos autores, voou dende París para a cerimonia, na que explicou a historia disto: nos anos 50, cando as colonoscopias comezaban a ser unha técnica común, estábase descubrindo como facelas ben. E ao primeiro había algunhas dificultades. O problema básico, seguro que vos soa, é que estás mirando dentro dun lugar longo, estreito e escuro. Polo tanto, queres ter un espazo máis grande. Engades un pouco gas para inchalo e así tes máis sitio para mirar. Pero ese gas engádese ao metano, que xa está dentro. O gas que usaban ao primeiro, en moitos casos, era osíxeno. Así que lle engadían osíxeno ao metano. E entón, se querían poder ver, precisaban luz, así que poñían unha fonte de luz, que nos anos 50 era moi quente. Polo que tiñan metano, que é inflamable, osíxeno e calor. Pararon de usar osíxeno bastante axiña. (Risos) Agora é estraño que os pacientes estoupen, pero aínda segue ocorrendo. O último que vos quero contar é o premio que lle demos á Dra. Elena Bodnar. Ela inventou un suxeitador que nunha emerxencia se pode separar rapidamente nun par de máscaras de protección Unha para salvarche a vida, outra para salvarlla a algún sortudo que pase por alí. (Risos) Estarédesvos preguntando por que faría alguén algo así. A Dra. Bodnar veu á cerimonia e explicou que ela criouse en Ucraína. Foi un dos médicos que tratou a vítimas do accidente nuclear de Chernóbil. E máis tarde descubriron que moitos dos peores problemas médicos viñan de partículas que a xente respirou. Así que sempre quedou pensando se podería haber algunha máscara sinxela que estivese dispoñíble en todas partes cando ocorrera algo inesperado. Anos despois, mudouse a América. Tivo un meniño. Un día mirou no chan que o seu cativo collera o seu suxeitador e o puxera na cara. E de aí saíu a idea. Veu á cerimonia dos Ig Nobel co primeiro prototipo do suxeitador e fixo a demostración. (Risos) (Aplausos) [Paul Krugman, Premio Nobel de Economía do ano 2008] [Wolfgang Ketterle, Premio Nobel de Física do ano 2001] Eu mesmo teño un suxeitador de emerxencias. (Risos) É o meu suxeitador favorito, pero encantaríame compartilo con calquera de vós se fora necesario. Grazas. (Aplausos)