George e Charlotte Blonsky, que eran
un matrimonio residente no Bronx
en Nova York,
inventaron algo.
Conseguiron unha patente en 1965
para o que eles denominaron
"un aparello para asistir
a mulleres no parto."
Este aparello consiste nunha
gran mesa redonda
e algún dispositivos mecánicos.
Cando a muller está lista para dar a luz,
deitase,
é amarrada á mesa,
que se pon a xirar a gran velocidade.
O neno sae voando
(Risos)
grazas á forza centrífuga.
(Risos)
Se mirades detidamente a súa patente,
especialmente se tedes formación
ou coñecementos en enxeñaría,
podedes concluír que vedes
un ou dous puntos onde o deseño
non é apropiado de todo.
(Risos)
O Dr. Ivan Schwach en California
é unha das persoas que foron esenciais
para axudar a responder a pregunta
"Por que aos picapaus
non lles doe a cabeza?"
E resulta que a resposta
é que os seus cerebros
están colocados nos seus cranios
dun modo diferente
a como os seres humanos
temos empaquetados os nosos cerebros.
Os picapaus, normalmente,
petan, e baten coa cabeza
contra un toro de madeira
milleiros de veces ao día. Cada día!
E polo que se sabe,
iso non os molesta nin un chisco.
Como ocorre isto?
O seu cerebro non anda abaneando
coma o noso.
O seu cerebro está empaquetado
de forma moi axustada,
polo menos para os golpes
que veñen de fronte.
Non moita xente se fixou
nesta investigación ata estes últimos anos
cando, neste país sobre todo,
está espertando a curiosidade
co que ocorre cos cerebros dos
xogadores de fútbol americano
que petan seguido coas súas cabezas.
E o picapau quizais estea
relacionado con isto.
Hai un artigo publicado
na revista médica "The Lancet"
en Inglaterra hai uns anos titulado
"Un home que picou o dedo e cheiroulle
podre durante 5 anos."
A Dra. Caroline Mills e o seu equipo
atenderon este paciente e non
souberon que facerlle.
O home cortara o dedo,
traballaba procesando polos,
e entón comezou a cheirar moi moi mal.
Tan mal que cando entrou na sala
cos médicos e enfermeiras,
non podían aturar estar
na sala con el.
Era insoportable.
Probaron todas as medicinas,
todos os tratamentos
que se lles ocorreron.
Despois dun ano, aínda cheiraba a podre.
Despois de dous anos,
aínda cheiraba a podre.
Tres anos, catro anos,
aínda cheiraba a podre.
Despois de cinco anos,
o cheiro marchou el só.
É un misterio.
En Nova Zelandia, a Dra. Lianne Parkin
e o seu equipo analizaron
unha vella tradición da súa cidade.
Viven nunha cidade
que ten outeiros enormes,
grandes coma os de San Francisco.
E alí no inverno vai moito frío,
e hai moitas xeadas.
Hai moitas lesións.
A tradición que analizaron,
analizárona pedíndolle á xente
que ía para o traballo pola mañá,
que pararan e probaran algo.
Probar unha de dúas condicións.
A tradición é que no inverno,
nesa cidade, levas os calcetíns
por fóra das botas.
E o que descubriron co experimento,
e foi bastante gráfico cando o viron,
é que era certo.
Que se levas os calcetíns por fóra
no canto de por dentro,
é máis probable que sobrevivas
e non esvares nin caias.
Espero que esteades de acordo
comigo que estas cousas
que vos acabo de describir,
calquera delas, merecen algún
tipo de premio.
(Risos)
E conseguírono,
cada un deles ten un Premio Ig Nobel.
En 1991, eu, con outra morea de xente,
comezamos a cerimonia dos
Premios Ig Nobel.
Cada ano damos 10 premios.
Os premios están baseados nun só
criterio. É moi sinxelo.
É que fixeras algo que primeiro
lle faga rir á xente, e despois pensar.
Que o que fixeras lle faga rir á xente
e despois pensar.
Sexa o que sexa, ten un aquel
que cando a xente se atopa con iso
a súa única reacción posible é a risa.
E unha semana máis tarde,
aínda lle repica na cabeza
e morre por ir contárllelo
aos amigos.
Velaí a calidade que buscamos.
Cada ano, andamos ao redor
de 9000 novas candidaturas
aos Premios Ig Nobel.
Delas, entre o 10 por cento
e o 20 por cento
son persoas que se candidatan a si mesmas.
(Risos)
Estes case nunca gañan.
É moi difícil, estatisticamente,
gañar un premio se o queres.
E incluso se non o queres,
é moi difícil estatisticamente.
Debedes saber que cando
escollemos unha persoa
para gañar un Ig Nobel,
contactamos con ela discretamente,
ofrecémoslle a opción de rexeitar
este grande honor, se quere.
Por sorte para nós, case todos
aos que lles ofrecemos o Premio
deciden aceptalo.
Que consegues se gañas un
Premio Ig Nobel?
Pois varias cousas.
Consegues un Premio Ig Nobel.
O deseño é diferente cada ano.
(Risos)
Están sempre feitos á man
con materiais sumamente baratos.
Estades vendo unha imaxe
do premio que entregamos
o ano pasado, 2013.
A maioría dos premios do mundo tamén dan
aos gañadores algún diñeiro en efectivo.
Nós non temos cartos,
así que non podemos dalos.
De feito, os gañadores deben
pagar do seu peto
a viaxe á cerimonia dos Ig Nobel,
e a maioría fano.
O ano pasado, no entanto,
si demos xuntado uns poucos cartos.
Cada un dos 10 gañadores dos Ig Nobel
recibiron de nós 10 trillóns de dólares.
Un billete de 10 trillóns de dólares
de Zimbabwe.
(Risos)
Pode que recordedes que Zimbabwe
tivo unha pequena aventura
de inflación durante uns cantos anos.
Acabaron imprimindo billetes
con valores nominais tan grandes
como 100 trillóns de dólares.
A persoa responsable,
que dirixe o seu banco nacional,
gañou o Premio Ig Nobel de matemáticas.
(Risos)
A outra cousa que gañas é unha invitación
para vir á cerimonia
que ten lugar na Universidade de Harvard
E cando estás alí,
chegas á maior aula
e lugar de reunión de Harvard.
Caben 1100 persoas,
está cheo a rebentar,
e no escenario
agardando para darche a man,
agardando para entregarche
o teu Ig Nobel,
hai unha morea de gañadores do
Premio Nobel.
Iso é a cerna da cerimonia.
Os gañadores non se coñecen
ata ese momento,
incluso os galardoados co Nobel
que lles darán a man
non saben quen son ata que os anuncian.
Vou contarvos algúns outros
dos premios relacionados coa medicina
que xa demos.
Tede en conta que levamos dado
230 premios.
Hai moita desta xente que
anda entre vós.
Quizais ti teñas un.
Hai uns 30 anos publicouse un artigo
titulado "Lesións causadas por
caída de cocos."
Escribiuno o Dr. Peter Barss,
que é canadense.
O Dr. Barss veu á cerimonia
e explicou que como médico novo,
quería ver mundo.
Foi a Papúa-Nova Guinea.
Unha vez alí, traballou nun hospital,
e tiña curiosidade
pola clase de cousas que lle pasaba
á xente para acabar no hospital.
Revisou os rexistros e descubriu
que un número
sorprendentemente amplo de persoas
estaban no hospital
por lesións causadas pola caída
de cocos.
Algo normal que ocorre é
que a xente viña das montañas,
onde non hai moitos coqueiros,
a visitar aos parentes da costa,
onde hai moitos.
E pensan que un coqueiro
é un bo lugar para estar ou
se cadra deitarse.
Un coqueiro duns 27 metros de alto,
que ten cocos que pesan case un kilo
e poden caer en calquera momento.
Un grupo de médicos en Europa
publicou unha serie de artigos
sobre colonoscopias.
Todos estades familiarizados
con elas,
dun xeito ou outro.
Ou nalgúns casos,
dun xeito e doutro.
(Risos)
Nestes artigos,
explicábanlles aos seus colegas
que practicaban colonoscopias,
como minimizar a posibilidade
de que cando practicas a colonoscopia,
o teu paciente estoupe.
(Risos)
O Dr. Emmanuel Ben-Soussan,
un dos autores,
voou dende París para a cerimonia,
na que explicou a historia disto:
nos anos 50,
cando as colonoscopias
comezaban a ser unha técnica común,
estábase descubrindo como facelas ben.
E ao primeiro había algunhas dificultades.
O problema básico, seguro que vos soa,
é que estás mirando dentro dun lugar
longo, estreito e escuro.
Polo tanto, queres ter
un espazo máis grande.
Engades un pouco gas para inchalo
e así tes máis sitio para mirar.
Pero ese gas engádese ao metano,
que xa está dentro.
O gas que usaban ao primeiro,
en moitos casos, era osíxeno.
Así que lle engadían osíxeno ao metano.
E entón, se querían poder ver,
precisaban luz,
así que poñían unha fonte de luz,
que nos anos 50 era moi quente.
Polo que tiñan metano, que é inflamable,
osíxeno e calor.
Pararon de usar osíxeno bastante axiña.
(Risos)
Agora é estraño que os pacientes estoupen,
pero aínda segue ocorrendo.
O último que vos quero contar é o premio
que lle demos á Dra. Elena Bodnar.
Ela inventou un suxeitador
que nunha emerxencia
se pode separar rapidamente
nun par de máscaras de protección
Unha para salvarche a vida,
outra para salvarlla a algún sortudo
que pase por alí.
(Risos)
Estarédesvos preguntando
por que faría alguén algo así.
A Dra. Bodnar veu á cerimonia
e explicou que ela criouse en Ucraína.
Foi un dos médicos que tratou a vítimas
do accidente nuclear de Chernóbil.
E máis tarde descubriron
que moitos dos peores problemas médicos
viñan de partículas que a xente respirou.
Así que sempre quedou pensando
se podería haber algunha
máscara sinxela
que estivese dispoñíble en todas partes
cando ocorrera algo inesperado.
Anos despois, mudouse a América.
Tivo un meniño.
Un día mirou no chan
que o seu cativo collera o seu suxeitador
e o puxera na cara.
E de aí saíu a idea.
Veu á cerimonia dos Ig Nobel
co primeiro prototipo do suxeitador
e fixo a demostración.
(Risos) (Aplausos)
[Paul Krugman, Premio Nobel de Economía
do ano 2008]
[Wolfgang Ketterle, Premio Nobel de Física
do ano 2001]
Eu mesmo teño un suxeitador de
emerxencias.
(Risos)
É o meu suxeitador favorito,
pero encantaríame compartilo con
calquera de vós
se fora necesario.
Grazas.
(Aplausos)