Algunhas persoas pensan que hai unha fórmula para as charlas TED: "Dar unha charla nunha alfombra vermella." "Contar unha historia da infancia." "Divulgar un segredo persoal." "Rematar cunha inspiradora chamada á acción." Non. Non é así como hai que pensar dunha TED. De feito, se empregades demasiado estes mecanismos, pareceredes un clixé ou un manipulador emocional. Pero hai unha cousa que todas as grandes charlas TED teñen en común, e gustaríame compartila con vós, porque nos últimos 12 anos, tiven un asento privilexiado, escoitando varios centos de fantásticos relatores TED, como estes. Axudeinos coas súas charlas de máxima audiencia, e aprendín directamente deles os segredos dunha gran charla. E aínda que estes relatores e os seus temas parecen completamente diferentes, todos teñen un ingrediente común. E é este: A principal tarefa como relator é transferir á mente de quen vos escoita un regalo extraordinario, un estraño e fermoso obxecto que chamamos idea. Deixádeme explicárvolo. Aquí está Haley. Está a punto de dar unha charla TED e, francamente, está aterrada. (Vídeo) Presentador: Haley Van Dyck! (Aplausos) Durante 18 minutos, 1 200 persoas, moitas das cales nunca se viran antes senten que os seus cerebros se sincronizan co cerebro de Haley e entre si. Están literalmente comezando a exhibir os mesmos padróns cerebrais. E non só quero dicir que están sentindo as mesmas emocións. Ocorre algo aínda máis asombroso. Imos botarlle un ollo ao cerebro de Haley un momento. Hai millóns de neuronas interconectadas nunha enleada. Pero mirade aquí, xusto aquí: uns poucos millóns están conectados entre si dun xeito que representa unha simple idea. E, incriblemente, este padrón exacto estase reconstruíndo en tempo real dentro das mentes de toda a audiencia. É así; só nun par de minutos, un padrón que implica millóns de neuronas teletranspórtase a 1 200 mentes, só con que as persoas escoiten unha voz e miren unha cara. Pero agardade, que é unha idea? Ben, podedes imaxinala como un padrón de información que axuda a entender e a navegar o mundo. As ideas veñen de moitas formas e tamaños, desde as complexas e analíticas ás simples e estéticas. Aquí hai un par de exemplos compartidos desde o escenario TED. Sir Ken Robinson -A creatividade é a chave do futuro dos nosos nenos. (Vídeo) Sir Ken Robinson: O que sosteño é que a creatividade agora é tan importante en educación como a alfabetización e debemos tratala co mesmo status. Chris Anderson: Elora Hardy -Construír con bambú é fermoso. (Vídeo) Elora Hardy: Medra ao redor de nós, é forte, é elegante, resiste os terremotos. CA: Chimamanda Adichie -A xente é máis que unha simple identidade. Vídeo) Chimamanda Adichie: A simple historia crea estereotipos, e o problema cos estereotipos non é que sexan falsos, é que son incompletos. CA: A vosa mente reborda ideas, e non o fai aleatoriamente. Están coidadosamente conectadas. Colectivamente, forman unha incrible estrutura complexa que é a vosa persoal visión do mundo. É o sistema operativo do voso cerebro. É como navegades polo mundo. E componse de millóns de ideas individuais. Se, por exemplo, un pequeno compoñente da vosa visión do mundo é a idea de que os gatiños son adorables, entón, ao verdes isto, reaccionaredes así. Pero se outro compoñente da vosa visión do mundo é a idea de que os leopardos son perigosos, entón, ao verdes isto, reaccionaredes de forma un pouco distinta. Así que é bastante obvio que as ideas que forman a vosa visión do mundo son cruciais. Necesitades que sexan o máis fiables que sexa posible, unha guía para o temible pero marabilloso mundo real de aí fóra. Agora ben, as diferentes visións do mundo da xente poden ser moi diferentes. Por exemplo, como reacciona a vosa visión do mundo cando vedes esta imaxe: (Vídeo) Dalia Mogahed: Que pensades cando me vedes? "Unha muller de fe", "unha experta", mesmo ata "unha irmá"? Ou "oprimida", "co cerebro lavado" "unha terrorista"? CA: Sexa cal for a resposta, hai millóns de persoas aí fóra que reaccionarían de forma moi distinta. É por iso que as ideas importan. Se se comunican de forma axeitada, son capaces de cambiar, para sempre, a forma en que alguén ve o mundo e transformar as súas accións tanto agora coma no futuro. As ideas son a forza máis poderosa que conforma a cultura humana. Así que se aceptades que a vosa tarefa principal como relatores é construír unha idea nas mentes da vosa audiencia, aquí van catro pautas para abordar esa tarefa: Primeiro, limitade a vosa charla a unha única idea. As ideas son cousas complexas; necesitades reducir o contido para poder centrarvos na idea simple que máis vos apaixona, e ter a oportunidade de explicala ben. Tedes que dar contexto, compartir exemplos, facelo real. Así que collede unha idea e facede que sexa un fío que percorra toda a vosa charla, para que todo o que digades conecte dalgunha maneira. Segundo, dádelle a quen vos escoita unha razón para que lle interese. Antes de comezar a construír cousas nas mentes da vosa audiencia, tedes que ter o seu permiso para entrar. E cal é a ferramenta para conseguilo? A curiosidade. Remexede a curiosidade da vosa audiencia. Usade preguntas intrigantes, provocativas para identificar por que algo non ten sentido e precisa explicación. Se podedes revelar unha desconexión na visión do mundo de alguén, sentirán a necesidade de cubrir ese oco de coñecemento. E cando estala ese desexo é moito máis sinxelo comezar a construír a idea. Terceiro, constrúe a túa idea, peza a peza desde conceptos que a vosa audiencia coñece. Usade o poder da linguaxe para tecer xuntos conceptos que xa existen na mente de quen vos escoita pero non na vosa linguaxe, na súa linguaxe. Comezade onde están eles. Os relatores a miúdo esquecen que moitos termos e conceptos cos que conviven son completamente estraños para a súa audiencia. Ben, as metáforas xogan un rol crucial para mostrar como encaixan as pezas, porque revelan a forma desexada do padrón, baseándose nunha idea que quen escoita entende. Por exemplo, cando Jennifer Kahn quixo explicar a incrible nova biotecnoloxía chamada CRISPR, dixo: "É coma se, por primeira vez, tiverades un procesador de texto para editar ADN. O CRISPS permite cortar e pegar información xenética moi facilmente." Ben, unha explicación gráfica como esta ofrece un gran momento de clarificación mentres encaixa na nosa mente. É importante, polo tanto, probar a charla con amigos de confianza, e ver que partes atopan máis confusas. Cuarto. Aquí vai o consello final: Fai que as túas ideas merezan ser compartidas. Con isto quero dicir que te fagas esta pregunta: "A quen beneficia esta idea?" E preciso que sexades honestos coa resposta. Se a idea só vos beneficia a vós e á vosa organización, entón, sinto dicilo, probablemente non mereza a pena ser compartida. A audiencia verá a través de vós. Pero se credes que a idea ten o potencial de iluminarlle o día a alguén ou de cambiar a perspectiva de alguén para mellor ou de inspirar alguén para facer as cousas doutro xeito, entón tedes o ingrediente esencial para unha charla boa de verdade, unha que pode ser un regalo para eles e para todos nós.