Democracia En Occidente, cometemos un grande erro ao dala por feito. Vemos a democracia non como a máis fráxil das flores, o que é en realidade, senón como parte do mobiliario da nosa sociedade. Tendemos a pensar nela como un feito definitivo. Pensamos, de forma errada, que o capitalismo xera sempre democracia. Mais non o fai. Lee Kuan Yew, de Singapur, e os seus grandes imitadores en Beijing, demostraron, máis alá de calquera dúbida, que é perfectamente posible ter un capitalismo vizoso, de crecemento espectacular, mentres a política permanece exenta de democracia. De feito, a democracia está en regresión no noso terreo, aquí en Europa. A comezos deste ano, cando estaba representando a Grecia -no goberno grego que acababa de ser elixido- no Eurogrupo, como ministro de Finanzas, dixéronme claramente que o proceso democrático no noso país -as nosas eleccións- non podían interferir coas políticas económicas que se estaban desenvolvendo en Grecia. Naquel momento, sentín que non podía haber maior reivindicación de Lee Kuan Yew, nin do Partido Comunista Chinés, nin dalgúns amigos meus, recalcitrantes, que estaban sempre a dicirme que se prohibiría a democracia se ameazásemos alterar algo. Esta noite, quero presentarvos un escenario económico para unha auténtica democracia. Quero pedirvos que me acompañedes para volver a crer que Lee Kuan Yew, O Partido Comunista Chinés e o Eurogrupo tamén están errados, ao creren que podemos prescindir da democracia, que precisamos unha democracia auténtica e estrondosa. E sen democracia, as nosas sociedades serán máis ruíns, o noso futuro, escuro e as nosas grandes, novas tecnoloxías, botadas a perder. Falando de botar a perder, permitídeme apuntar un interesante paradoxo que está ameazando as nosas economías. Eu chámolle o paradoxo dos picos xemelgos. Un dos picos, xa sabedes, ídelo recoñecer, é a montaña de débedas que proxecta unha longa sombra sobre os EE.UU., Europa, o mundo enteiro. Todos recoñecemos a montaña de débedas. Pero poucas persoas distinguen o seu xemelgo. A montaña de diñeiro improdutivo que pertence aos aforradores ricos e ás grandes empresas, demasiado aterrorizados para investilo en actividades produtivas que poidan xerar ingresos con que poidamos eliminar a montaña de débedas e que poidan producir o que a humanidade necesita desesperadamente, como a enerxía verde. Agora vou darvos dous números. Nos últimos tres meses, nos EE.UU., en Gran Bretaña e na Eurozona, investimos colectivamente 3,4 billóns de dólares en todos os bens que producen riqueza -cousas como instalacións industriais, maquinaria, edificios de oficinas, escolas, estradas, ferrocarrís, maquinaria, etc., etc. 3,4 billóns de dólares parecen moitos cartos ata que os comparamos cos 5,1 billóns que se esparexeron neses mesmos países, nas nosas institucións financeiras, sen facer absolutamente nada durante o mesmo período agás inflar os mercados bursátiles e encarecer os prezos da vivenda. Así que temos unha montaña de débeda e unha montaña de diñeiro improdutivo que forman os picos xemelgos, sen poder anularse un ao outro a través da operación normal dos mercados. O resultado é o estancamento dos salarios, o desemprego de máis dun cuarto de traballadores, dos 25 aos 54 anos, en América, Xapón e Europa. E, consecuentemente, baixa a demanda agregada nun ciclo sen fin, que reforza o pesimismo dos investidores, que, por medo á baixa demanda, responden non investindo, exactamente como o pai de Edipo que, estarrecido pola profecía do oráculo de que o seu fillo medraría para matalo, inconscientemente creou as condicións que aseguraron que Edipo, o seu fillo, o matase. Esta é a miña batalla co capitalismo. A súa grave dilapidación de cartos, todo este diñeiro improdutivo, debería ser canalizado en mellorar vidas, en desenvolver o talento humano, e en financiar todas esas tecnoloxías, tecnoloxías verdes, que son absolutamente esenciais para salvar o planeta. ¿Teño razón ao crer que a democracia podería ser a resposta? Eu penso que si, pero antes de seguir, ¿que entendemos por democracia? Aristóteles definiu a democracia como a constitución en que os libres e os pobres, ao seren a maioría, controlan o goberno. Claro que a democracia ateniense excluía demasiada xente. Mulleres, migrantes e, por suposto, escravos. Pero sería un erro rexeitar o significado da antiga democracia ateniense baseándonos en quen excluía. O que era máis pertinente, e continúa séndoo na antiga democracia ateniense, era a inclusión dos traballadores pobres, os que non só adquirían o dereito da liberdade de expresión, senón que, o máis importante, crucial, adquirían os dereitos aos xuízos políticos que lles concedían igual peso no proceso de toma de decisións sobre cuestións de estado. Claro, a democracia ateniense non durou moito. Como unha candea que arde vivamente, queimouse axiña. E de feito, a nosa actual democracia liberal non ten as súas raíces na antiga Atenas. Ten as súas raíces na Carta Magna, na Revolución Gloriosa de 1688, mesmo na constitución de EE.UU. Mentres que a democracia ateniense se centrou na cidadanía sen dono e no empoderamento dos traballadores pobres, as nosas democracias liberais baséanse na tradición da Carta Magna, que era, despois de todo, unha carta para amos. E, de feito, a democracia liberal só xurdiu cando foi posible separar totalmente a esfera política da esfera económica, para restrinxir o proceso democrático totalmente á esfera política, deixando a esfera económica -o mundo empresarial, se queredes- como unha zona libre de democracia. Ben, na nosa democracia actual, esta separación da esfera económica e da politica, o momento en que comezou, deu lugar a unha inexorable loita épica entre as dúas, coa esfera económica colonizando a esfera política, devorando o seu poder. Preguntástesvos por que os políticos non son o que adoitaban ser? Non é porque o seu ADN dexenerara. (Risos) Máis ben é porque hoxe un pode estar no goberno e non ter poder, porque o poder migrou desde a esfera política á económica, que está separada. De feito, falei da miña batalla contra o capitalismo. Se pensades niso, é un pouco como unha poboación de predadores, que teñen tanto éxito en aniquilar a presa da que se alimentan, que, á fin, morren de fame. De igual xeito, a esfera económica foi colonizando e canibalizando a esfera política ata tal punto que se debilitou a si mesma, provocando a crise económica. O poder corporativo está aumentando, os bens políticos están desvalorizándose, a desigualdade aumenta, a demanda agregada está caendo e os CEO das empresas teñen demasiado medo de investir o diñeiro das súas empresas. Así que canto máis éxito ten o capitalismo en tirar o demos da democracia, máis altos son os picos xemelgos e maior é a perda de recursos humanos e de riqueza da humanidade. Claramente, se isto é así, debemos reunir as esferas política e económica e mellor facelo cun demos ao mando, como na antiga Atenas pero sen os escravos e sen a exclusión de mulleres e migrantes. Agora ben, isto non é unha idea orixinal. A esquerda marxista tivo esa idea hai cen anos e non foi moi ben, non? A lección que aprendemos do fracaso soviético é que só por un milagre os traballadores pobres volverán ter poder, como o tiñan na antiga Atenas, sen crear novas formas de brutalidade nin desproveitos. Pero hai unha solución: eliminar os traballadores pobres. O capitalismo estao facendo ao substituír os traballadores con baixos salarios por autómatas, androides, robots. O problema é que mentres as esferas económica e política estean separadas, a automatización fai os picos máis altos, e máis altos son os desproveitos e máis profundos os conflitos sociais, mesmo -pronto, creo- en lugares como China. Así que necesitamos reconfigurar, necesitamos reunir as esferas económica e política, pero será mellor facelo democratizando as esferas reunificadas, para non rematar cunha hiperautocracia obsesionada coa vixilancia que fará que o filme Matrix pareza un documental. (Risos) Así que a pregunta non é se o capitalismo sobrevivirá as innovacións tecnolóxicas que está xerando. A pregunta máis interesante é se o capitalismo terá éxito como algo que se parece á distopía de Matrix ou algo máis achegado á sociedade de Star Trek, onde as máquinas serven os humanos e os humanos gastan as súas enerxías explorando o universo e entregándose a longos debates sobre o sentido da vida nunha antiga ágora, como a de Atenas, altamente tecnolóxica. Penso que podemos permitirnos ser optimistas. Pero canto levaría, como sería ter esta utopía Star Trek, en lugar da distopía Matrix? En termos prácticos, permitídeme compartir brevemente, un par de exemplos. Ao nivel empresarial, imaxinade un mercado de capitais, onde se gaña capital segundo se traballa, e onde o noso capital nos segue dun traballo a outro, dunha empresa a outra, e a empresa, calquera que for onde esteamos traballando nese momento é propiedade exclusiva daqueles que traballan alí nese momento. Entón todos os ingresos veñen do capital, dos beneficios e o concepto de traballo asalariado convértese en obsoleto. Non hai separación entre aqueles que posúen pero non traballan na empresa e aqueles que traballan pero non posúen a empresa; xa non hai tira e afrouxa entre capital e traballo; ningunha fenda entre investimento e aforro; de feito, non hai altísimos picos xemelgos. Ao nivel da economía política global, imaxinade por un momento que as nosas moedas nacionais teñen un tipo de cambio flexible, cunha moeda universal, global, dixital, unha emitida polo Fondo Monetario Internacional, o G-20, en beneficio de toda a humanidade. E imaxinade, ademais, que todo o comercio internacional se produza nesa moeda, imos chamarlle "o cosmos", en unidades de cosmos con cada goberno aceptando pagar para un fondo común unha suma de unidades de cosmos proporcional ao déficit comercial do país, ou mesmo ao superávit comercial dun país. E imaxinade que ese fondo se utiliza para investir en tecnoloxías verdes, especialmente en partes do mundo onde os investimentos son escasos. Esta non é unha idea nova. É o que, eficazmente, John Maynard Keynes propuxo en 1944 na Conferencia de Bretton Woods. O problema é que daquela, non tiñan a tecnoloxía para desenvolvelo. Agora témola, especialmente no contexto dunha esfera reunificada político-económica. O mundo que vos estou describindo é asemade libertario, en canto prioriza o empoderamento das persoas, marxista, xa que levará á papeleira da historia a división entre capital e traballo, e keynesiano, keynesiano global. Pero sobre todo, é un mundo no que seremos quen de imaxinar unha auténtica democracia. ¿Alborexerá tal mundo? ¿Ou caeremos nunha distopía como a de Matrix? A resposta está na escolla política que fagamos colectivamente. É a nosa escolla, e será mellor que a fagamos democraticamente. Grazas. (Aplausos) Bruno Giussani: Yanis, foi vostede quen se describiu como un marxista libertario. Cal é a relevancia da análise de Marx hoxe? Yanis Varoufakis: Ben, se hai algunha relevancia no que acabo de dicir, entón Marx é relevante. Porque o motivo de reunificar a política e a economía é que, se non o facemos, a innovación tecnolóxica vai xerar unha caída enorme na demanda agregada, o que Larry Summers denomina como estancamento secular. Con esta crise migratoria dunha parte do mundo, como a actual, desestabilizará non só as nosas democracias, senón tamén o mundo emerxente que non é partidario da democracia liberal. Así que se esta análise é sólida entón Marx é totalmente relevante. Pero tamén o é Hayek, por iso son marxista libertario, e tamén o é Keynes, por iso estou tan confuso. (Risos) BG: Certo, e posiblemente agora nós tamén (Risos) (Aplausos) YV: Se non estás confuso, é que non estás pensando, non? BG: Ese é un comentario moi de filósofo grego... YV: En realidade, díxoo Einstein... BG: Durante a súa charla mencionou Singapur e China, e a pasada noite na cea de relatores expresou unha firme opinión acerca de como Occidente mira a China. ¿Podería compartila? YV: Ben, hai un enorme grao de hipocrisía. Nas nosas democracias liberais, temos unha aparencia de democracia. É porque restrinximos, como dixen na miña charla, a democracia á esfera política, mentres deixamos a esfera onde está toda a acción -a esfera económica- como unha zona totalmente libre de democracia. Nun sentido, se se me permite ser provocador, hoxe China está máis perto de Gran Bretaña que no século XIX. Porque lembre, tendemos a asociar liberalismo con democracia, iso é un erro, historicamente. Liberalismo, liberal, é como John Stuart Mill. John Stuart Mill era particularmente escéptico sobre o proceso democrático. Así que o que vemos agora en China é un proceso moi similar ao que tivemos en Gran Bretaña durante a Revolución Industrial, especialmente durante a transición da primeira á segunda. E estar castigando a China por facer o que Occidente fixo no século XIX, soa a hipocrisía. BG: Estou seguro de que moita xente aquí se preguntará pola súa experiencia como Ministro de Finanzas de Grecia a comezos deste ano. YV: Xa o vía vir. BG: Si. BG: Seis meses despois, ¿como ve o que pasou na primeira metade do ano? YV: Sumamente fascinante, desde un punto de vista persoal, e moi decepcionante, porque tiñamos unha oportunidade para reiniciar a Eurozona. Non só Grecia, a Eurozona. Para afastarse da complacencia e a constante negación de que habia unha enorme, e hai unha enorme fenda na arquitectura da Eurozona, que está ameazando a totalidade do proceso da Unión Europea. Tivemos unha oportunidade baseada no programa grego que, por certo, foi o primeiro programa que manifestou esa negación para corrixila. E, desgrazadamente, os poderes da zona euro, no Eurogrupo, optaron por manter a negación. Pero xa sabe o que pasa. É a experiencia da Unión Soviética. Cando intentas manter vivo un sistema económico que estructuralmente non pode sobrevivir, a través da vontade política e a través do autoritarismo, podes ter éxito en prolongalo, pero cando se produce o cambio ocorre de xeito abrupto e catastrófico. BG: ¿Que tipo de cambio prevé? YV: Ben, non hai dúbida de que se non cambiamos a arquitectura da Eurozona, a Eurozona non ten futuro. BG: ¿Cometeu erros cando era ministro de Finanzas? YV: Todos os días. BG: ¿Por exemplo? YV: Calquera que mira cara atrás... (Aplausos) Non, pero en serio. Se hai algún ministro de Facenda ou de calquera outra cousa, que di ao cabo de seis meses nun traballo, especialmente nunha situación con tanta tensión, que non cometeu ningún erro, é unha persoa perigosa. Claro que cometín erros. O erro máis grande foi asinar a petición para ampliar o acordo do préstamo a finais de febreiro. Imaxinaba que había un interese xenuíno por parte dos acredores por atopar puntos de encontro. E non o había. So lles interesaba esmagar o noso goberno, só porque non querían ter que enfrontarse coas fendas que estaban percorrendo a Eurozona. E porque non quixeron admitir que estiveran cinco anos pondo en marcha un programa catastrófico en Grecia. Perdemos un terzo do noso PIB nominal. Isto é peor cá Gran Depresión. E ninguén saiu da troika de acredores que impuxeron esta política a dicir "Isto foi un erro colosal." BG: A pesar de todo isto, e a pesar da agresividade da discusión, parece ser aínda bastante pro-Europa. YV: Totalmente. Mire, as miñas críticas da Unión Europea e a Eurozona veñen dunha persoa que vive e respira Europa. O meu maior medo é que a Eurozona non sobreviva. Porque se non o fai, as forzas centrífugas que se desencadearán serán demoníacas, e destruirán a Unión Europea. E será catastrófico non só para Europa senón para toda a economía global. Somos probablemente a maior economía do mundo. E se nos permitimos caer na vía duns posmodernos anos 30, que parece que é o que estamos facendo, entón será prexudicial para o futuro tanto de europeos como de non europeos. BG: Dende logo agardamos que se equivoque nese punto. Yanis, grazas por vir ao TED. YV: Grazas. (Aplausos)