Democracia
En Occidente,
cometemos un grande erro
ao dala por feito.
Vemos a democracia
non como a máis fráxil das flores,
o que é en realidade,
senón como parte do mobiliario
da nosa sociedade.
Tendemos a pensar nela
como un feito definitivo.
Pensamos, de forma errada,
que o capitalismo xera sempre democracia.
Mais non o fai.
Lee Kuan Yew, de Singapur,
e os seus grandes imitadores en Beijing,
demostraron, máis alá
de calquera dúbida,
que é perfectamente posible
ter un capitalismo vizoso,
de crecemento espectacular,
mentres a política permanece
exenta de democracia.
De feito, a democracia está
en regresión no noso terreo,
aquí en Europa.
A comezos deste ano, cando
estaba representando a Grecia
-no goberno grego que acababa
de ser elixido-
no Eurogrupo, como
ministro de Finanzas,
dixéronme claramente que o
proceso democrático no noso país
-as nosas eleccións-
non podían interferir
coas políticas económicas
que se estaban desenvolvendo
en Grecia.
Naquel momento,
sentín que non podía haber
maior reivindicación de Lee Kuan Yew,
nin do Partido Comunista Chinés,
nin dalgúns amigos meus, recalcitrantes,
que estaban sempre a dicirme
que se prohibiría a democracia
se ameazásemos alterar algo.
Esta noite, quero presentarvos
un escenario económico
para unha auténtica democracia.
Quero pedirvos que me acompañedes
para volver a crer
que Lee Kuan Yew,
O Partido Comunista Chinés
e o Eurogrupo tamén
están errados, ao creren que
podemos prescindir da democracia,
que precisamos unha democracia
auténtica e estrondosa.
E sen democracia,
as nosas sociedades serán máis ruíns,
o noso futuro, escuro
e as nosas grandes, novas tecnoloxías,
botadas a perder.
Falando de botar a perder,
permitídeme apuntar
un interesante paradoxo
que está ameazando
as nosas economías.
Eu chámolle o paradoxo
dos picos xemelgos.
Un dos picos, xa sabedes,
ídelo recoñecer,
é a montaña de débedas
que proxecta unha longa sombra
sobre os EE.UU.,
Europa, o mundo enteiro.
Todos recoñecemos
a montaña de débedas.
Pero poucas persoas
distinguen o seu xemelgo.
A montaña de diñeiro improdutivo
que pertence aos aforradores ricos
e ás grandes empresas,
demasiado aterrorizados
para investilo
en actividades produtivas
que poidan xerar ingresos
con que poidamos eliminar
a montaña de débedas
e que poidan producir o que a
humanidade necesita desesperadamente,
como a enerxía verde.
Agora vou darvos dous números.
Nos últimos tres meses,
nos EE.UU., en Gran Bretaña e
na Eurozona,
investimos colectivamente
3,4 billóns de dólares
en todos os bens que producen riqueza
-cousas como instalacións
industriais, maquinaria,
edificios de oficinas, escolas,
estradas, ferrocarrís,
maquinaria, etc., etc.
3,4 billóns de dólares
parecen moitos cartos
ata que os comparamos
cos 5,1 billóns
que se esparexeron neses
mesmos países,
nas nosas institucións financeiras,
sen facer absolutamente nada
durante o mesmo período
agás inflar os mercados bursátiles
e encarecer os prezos da vivenda.
Así que temos unha montaña de débeda
e unha montaña de diñeiro improdutivo
que forman os picos xemelgos,
sen poder anularse un ao outro
a través da operación
normal dos mercados.
O resultado é o estancamento dos salarios,
o desemprego de máis dun cuarto de
traballadores, dos 25 aos 54 anos,
en América, Xapón e Europa.
E, consecuentemente, baixa
a demanda agregada
nun ciclo sen fin,
que reforza o pesimismo dos investidores,
que, por medo á baixa demanda,
responden non investindo,
exactamente como o pai de Edipo
que, estarrecido
pola profecía do oráculo
de que o seu fillo medraría para matalo,
inconscientemente creou as condicións
que aseguraron que Edipo,
o seu fillo, o matase.
Esta é a miña batalla co capitalismo.
A súa grave dilapidación de cartos,
todo este diñeiro improdutivo,
debería ser canalizado en mellorar vidas,
en desenvolver o talento humano,
e en financiar todas esas
tecnoloxías,
tecnoloxías verdes,
que son absolutamente esenciais
para salvar o planeta.
¿Teño razón ao crer
que a democracia podería ser a resposta?
Eu penso que si,
pero antes de seguir,
¿que entendemos por democracia?
Aristóteles definiu a democracia
como a constitución en que
os libres e os pobres,
ao seren a maioría, controlan o goberno.
Claro que a democracia ateniense
excluía demasiada xente.
Mulleres, migrantes e,
por suposto, escravos.
Pero sería un erro
rexeitar o significado da
antiga democracia ateniense
baseándonos en quen excluía.
O que era máis pertinente,
e continúa séndoo
na antiga democracia ateniense,
era a inclusión dos traballadores pobres,
os que non só adquirían o
dereito da liberdade de expresión,
senón que, o máis importante, crucial,
adquirían os dereitos
aos xuízos políticos
que lles concedían igual peso
no proceso de toma de decisións
sobre cuestións de estado.
Claro, a democracia ateniense
non durou moito.
Como unha candea que arde vivamente,
queimouse axiña.
E de feito,
a nosa actual democracia liberal
non ten as súas raíces na antiga Atenas.
Ten as súas raíces na Carta Magna,
na Revolución Gloriosa de 1688,
mesmo na constitución de EE.UU.
Mentres que a democracia ateniense
se centrou na cidadanía sen dono
e no empoderamento dos
traballadores pobres,
as nosas democracias liberais baséanse
na tradición da Carta Magna,
que era, despois de todo,
unha carta para amos.
E, de feito, a democracia liberal
só xurdiu cando foi posible
separar totalmente a esfera
política da esfera económica,
para restrinxir o proceso democrático
totalmente á esfera política,
deixando a esfera económica
-o mundo empresarial, se queredes-
como unha zona libre de democracia.
Ben, na nosa democracia actual,
esta separación da esfera
económica e da politica,
o momento en que comezou,
deu lugar a unha inexorable
loita épica entre as dúas,
coa esfera económica
colonizando a esfera política,
devorando o seu poder.
Preguntástesvos por que os políticos
non son o que adoitaban ser?
Non é porque o seu ADN
dexenerara.
(Risos)
Máis ben é porque hoxe un pode estar
no goberno e non ter poder,
porque o poder migrou
desde a esfera política á económica,
que está separada.
De feito,
falei da miña batalla
contra o capitalismo.
Se pensades niso,
é un pouco como unha
poboación de predadores,
que teñen tanto éxito en aniquilar
a presa da que se alimentan,
que, á fin, morren de fame.
De igual xeito,
a esfera económica foi colonizando
e canibalizando a esfera política
ata tal punto que se
debilitou a si mesma,
provocando a crise económica.
O poder corporativo está
aumentando,
os bens políticos están
desvalorizándose,
a desigualdade aumenta,
a demanda agregada está caendo
e os CEO das empresas teñen demasiado medo
de investir o diñeiro das súas empresas.
Así que canto máis éxito ten o capitalismo
en tirar o demos da democracia,
máis altos son os picos xemelgos
e maior é a perda
de recursos humanos
e de riqueza da humanidade.
Claramente, se isto é así,
debemos reunir as esferas
política e económica
e mellor facelo cun
demos ao mando,
como na antiga Atenas
pero sen os escravos
e sen a exclusión de mulleres e migrantes.
Agora ben, isto non é unha idea orixinal.
A esquerda marxista
tivo esa idea hai cen anos
e non foi moi ben, non?
A lección que aprendemos
do fracaso soviético
é que só por un milagre os traballadores
pobres volverán ter poder,
como o tiñan na antiga Atenas,
sen crear novas formas
de brutalidade nin desproveitos.
Pero hai unha solución:
eliminar os traballadores pobres.
O capitalismo estao facendo
ao substituír os traballadores con baixos
salarios por autómatas, androides, robots.
O problema é que
mentres as esferas económica
e política estean separadas,
a automatización fai os picos máis altos,
e máis altos son os desproveitos
e máis profundos os conflitos sociais,
mesmo
-pronto, creo-
en lugares como China.
Así que necesitamos reconfigurar,
necesitamos reunir as esferas
económica e política,
pero será mellor facelo
democratizando as esferas reunificadas,
para non rematar cunha hiperautocracia
obsesionada coa vixilancia
que fará que o filme Matrix
pareza un documental.
(Risos)
Así que a pregunta non é
se o capitalismo sobrevivirá
as innovacións tecnolóxicas
que está xerando.
A pregunta máis interesante
é se o capitalismo terá éxito como
algo que se parece á distopía de Matrix
ou algo máis achegado á
sociedade de Star Trek,
onde as máquinas serven os humanos
e os humanos gastan as súas enerxías
explorando o universo
e entregándose a longos debates
sobre o sentido da vida
nunha antiga ágora, como a de Atenas,
altamente tecnolóxica.
Penso que podemos
permitirnos ser optimistas.
Pero canto levaría,
como sería
ter esta utopía Star Trek,
en lugar da distopía Matrix?
En termos prácticos,
permitídeme compartir brevemente,
un par de exemplos.
Ao nivel empresarial,
imaxinade un mercado de capitais,
onde se gaña capital segundo se traballa,
e onde o noso capital nos segue
dun traballo a outro,
dunha empresa a outra,
e a empresa,
calquera que for onde esteamos
traballando nese momento
é propiedade exclusiva daqueles
que traballan alí nese momento.
Entón todos os ingresos veñen
do capital, dos beneficios
e o concepto de traballo asalariado
convértese en obsoleto.
Non hai separación entre aqueles
que posúen pero non traballan na empresa
e aqueles que traballan
pero non posúen a empresa;
xa non hai tira e afrouxa
entre capital e traballo;
ningunha fenda
entre investimento e aforro;
de feito, non hai altísimos
picos xemelgos.
Ao nivel da economía
política global,
imaxinade por un momento
que as nosas moedas nacionais
teñen un tipo de cambio flexible,
cunha moeda universal,
global, dixital,
unha emitida polo
Fondo Monetario Internacional,
o G-20,
en beneficio de toda a humanidade.
E imaxinade, ademais,
que todo o comercio internacional
se produza nesa moeda,
imos chamarlle "o cosmos",
en unidades de cosmos
con cada goberno aceptando
pagar para un fondo común
unha suma de unidades de cosmos
proporcional ao déficit comercial do país,
ou mesmo ao superávit comercial
dun país.
E imaxinade que ese fondo se utiliza para
investir en tecnoloxías verdes,
especialmente en partes do mundo
onde os investimentos son escasos.
Esta non é unha idea nova.
É o que, eficazmente,
John Maynard Keynes propuxo
en 1944 na Conferencia de Bretton Woods.
O problema é
que daquela, non tiñan a
tecnoloxía para desenvolvelo.
Agora témola,
especialmente no contexto dunha esfera
reunificada político-económica.
O mundo que vos estou describindo
é asemade libertario,
en canto prioriza o empoderamento
das persoas,
marxista,
xa que levará á papeleira
da historia
a división entre capital e traballo,
e keynesiano,
keynesiano global.
Pero sobre todo,
é un mundo no que seremos quen
de imaxinar unha auténtica democracia.
¿Alborexerá tal mundo?
¿Ou caeremos nunha distopía
como a de Matrix?
A resposta está na escolla política
que fagamos colectivamente.
É a nosa escolla,
e será mellor que a fagamos
democraticamente.
Grazas.
(Aplausos)
Bruno Giussani: Yanis,
foi vostede quen se describiu
como un marxista libertario.
Cal é a relevancia
da análise de Marx hoxe?
Yanis Varoufakis: Ben, se hai
algunha relevancia no que acabo de dicir,
entón Marx é relevante.
Porque o motivo de reunificar
a política e a economía é que,
se non o facemos,
a innovación tecnolóxica
vai xerar
unha caída enorme na demanda agregada,
o que Larry Summers
denomina como estancamento secular.
Con esta crise migratoria
dunha parte do mundo,
como a actual,
desestabilizará
non só as nosas democracias,
senón tamén o mundo emerxente que non
é partidario da democracia liberal.
Así que se esta análise é sólida
entón Marx é totalmente relevante.
Pero tamén o é Hayek,
por iso son marxista libertario,
e tamén o é Keynes,
por iso estou tan confuso.
(Risos)
BG: Certo, e posiblemente
agora nós tamén
(Risos)
(Aplausos)
YV: Se non estás confuso,
é que non estás pensando, non?
BG: Ese é un comentario
moi de filósofo grego...
YV: En realidade, díxoo Einstein...
BG: Durante a súa charla mencionou
Singapur e China,
e a pasada noite na
cea de relatores
expresou unha firme opinión
acerca de como Occidente mira a China.
¿Podería compartila?
YV: Ben, hai un enorme grao de
hipocrisía.
Nas nosas democracias liberais,
temos unha aparencia de democracia.
É porque restrinximos, como
dixen na miña charla,
a democracia á esfera política,
mentres deixamos a esfera
onde está toda a acción
-a esfera económica-
como unha zona totalmente
libre de democracia.
Nun sentido,
se se me permite ser provocador,
hoxe China está máis perto de
Gran Bretaña que no século XIX.
Porque lembre,
tendemos a asociar
liberalismo con democracia,
iso é un erro, historicamente.
Liberalismo, liberal,
é como John Stuart Mill.
John Stuart Mill era particularmente
escéptico sobre o proceso democrático.
Así que o que vemos agora en China
é un proceso moi similar
ao que tivemos en Gran Bretaña
durante a Revolución Industrial,
especialmente durante a transición
da primeira á segunda.
E estar castigando a China
por facer o que Occidente fixo
no século XIX,
soa a hipocrisía.
BG: Estou seguro de que moita xente aquí
se preguntará pola súa experiencia
como Ministro de Finanzas de Grecia
a comezos deste ano.
YV: Xa o vía vir.
BG: Si.
BG: Seis meses despois,
¿como ve o que pasou
na primeira metade do ano?
YV: Sumamente fascinante,
desde un punto de vista persoal,
e moi decepcionante,
porque tiñamos unha oportunidade
para reiniciar a Eurozona.
Non só Grecia, a Eurozona.
Para afastarse da complacencia
e a constante negación
de que habia unha enorme,
e hai unha enorme
fenda na arquitectura
da Eurozona,
que está ameazando a totalidade
do proceso da Unión Europea.
Tivemos unha oportunidade
baseada no programa grego
que, por certo,
foi o primeiro programa
que manifestou esa negación
para corrixila.
E, desgrazadamente,
os poderes da zona euro,
no Eurogrupo,
optaron por manter a negación.
Pero xa sabe o que pasa.
É a experiencia da Unión Soviética.
Cando intentas manter vivo
un sistema económico que
estructuralmente non pode sobrevivir,
a través da vontade política
e a través do autoritarismo,
podes ter éxito en prolongalo,
pero cando se produce o cambio
ocorre de xeito abrupto e catastrófico.
BG: ¿Que tipo de cambio prevé?
YV: Ben, non hai dúbida
de que se non cambiamos a
arquitectura da Eurozona,
a Eurozona non ten futuro.
BG: ¿Cometeu erros cando
era ministro de Finanzas?
YV: Todos os días.
BG: ¿Por exemplo?
YV: Calquera que mira cara atrás...
(Aplausos)
Non, pero en serio.
Se hai algún ministro de Facenda
ou de calquera outra cousa,
que di ao cabo de seis meses
nun traballo,
especialmente nunha situación
con tanta tensión,
que non cometeu ningún erro,
é unha persoa perigosa.
Claro que cometín erros.
O erro máis grande
foi asinar a petición
para ampliar o acordo do préstamo
a finais de febreiro.
Imaxinaba
que había un interese xenuíno
por parte dos acredores
por atopar puntos de encontro.
E non o había.
So lles interesaba
esmagar o noso goberno,
só porque non querían
ter que enfrontarse coas fendas
que estaban percorrendo a Eurozona.
E porque non quixeron admitir
que estiveran cinco anos pondo en
marcha un programa catastrófico en Grecia.
Perdemos un terzo do noso
PIB nominal.
Isto é peor cá Gran Depresión.
E ninguén saiu
da troika de acredores
que impuxeron esta política
a dicir "Isto foi un erro colosal."
BG: A pesar de todo isto,
e a pesar da agresividade
da discusión,
parece ser aínda
bastante pro-Europa.
YV: Totalmente.
Mire, as miñas críticas da
Unión Europea e a Eurozona
veñen dunha persoa
que vive e respira Europa.
O meu maior medo é que
a Eurozona non sobreviva.
Porque se non o fai,
as forzas centrífugas
que se desencadearán
serán demoníacas,
e destruirán a Unión Europea.
E será catastrófico
non só para Europa
senón para toda a economía global.
Somos probablemente a maior
economía do mundo.
E se nos permitimos
caer na vía duns
posmodernos anos 30,
que parece que é o que estamos facendo,
entón será prexudicial
para o futuro tanto de europeos
como de non europeos.
BG: Dende logo agardamos
que se equivoque nese punto.
Yanis, grazas por vir ao TED.
YV: Grazas.
(Aplausos)