Un artigo da revista de exalumnos de Yale contaba a historia de Clyde Murphy. Un home negro, membro da promoción de 1970. A de Clyde é unha historia de éxito. Tras saír de Yale e graduarse en Dereito pola Universidade de Columbia, Clyde foi durante os seguintes trinta anos un dos mellores avogados de dereitos civís dos Estados Unidos (EE.UU). Tamén foi un gran marido e un gran pai. Porén, malia o seu éxito, persoal e profesional, a historia de Clyde tivo un triste final. En 2010, aos 62 anos de idade, Clyde finou a causa dun coágulo de sangue nun pulmón. Clyde non foi o único ao que lle aconteceu algo así. Moitos dos seus compañeiros negros de Yale tamén morreron novos. De feito, o artigo da revista indicaba que 41 anos despois da súa graduación na Universidade de Yale, os alumnos negros da promoción de 1970 presentaban unha taxa de mortalidade tres veces superior á da media da clase. É abraiante. EE.UU acordou recentemente ante o balbordo constante dos disparos da policía a homes negros desarmados. O que é mesmo máis grave é que cada sete minutos unha persoa negra morre de xeito prematuro nos EE.UU. Isto quere dicir que máis de 200 persoas negras morren cada día e que non morrerían se negros e brancos tivesen a mesma saúde. Durante os últimos 25 anos, entregueime á misión de entender por que a raza ten tanta transcendencia para a saúde. Cando comecei a miña carreira, moitos crían que se trataba simplemente de diferenzas raciais en renda e educación Descubrín que, se ben o estatus económico é importante para a saúde, a historia non remata aí. Se, por exemplo, observamos a esperanza de vida aos 25 anos, aos 25 anos de idade, hai unha fenda de cinco anos entre negros e brancos, mais a fenda por nivel de educación tanto en brancos como negros é mesmo maior que a racial. Porén, ao mesmo tempo, en tódolos niveis educativos, os brancos viven máis tempo que os negros. Entón, os brancos que abandonan o instituto viven 3,4 anos máis de media que os seus homólogos negros. A fenda é aínda maior entre os graduados universitarios. Pero o máis sorprendente é que os brancos que rematan a secundaria viven máis tempo que os negros licenciados ou con educación superior. Así que, por que a raza resulta tan transcendental para a saúde? Que pode haber alén do nivel de formación e a renda que importe tanto? Ao comezo da década dos noventa, encargáronme a recensión dun novo libro sobre a saúde da poboación negra dos EE.UU. Abraioume o feito de que case cada un dos seus 25 capítulos dixese que o racismo era un factor que estaba a afectar a saúde dos negros. Todos os investigadores participantes afirmaban que o racismo era un factor que afectaba negativamente os negros mais non achegaban ningunha proba. Para min, aquilo non era bo dabondo. Algúns meses despois, participei nun congreso en Washington DC e dixen que unha das prioridades da investigación debía ser documentar de que maneiras afectaba o racismo a saúde. Un señor branco ergueuse de entre o público e dixo que, se ben coincidía comigo en sinalar a importancia do racismo, nunca poderíamos medilo. "Medimos a autoestima", díxenlle. Non hai razón para non podermos medir o racismo, se nos poñemos mans á obra. Así que me puxen mans á obra e desenvolvín tres escalas. A primeira recolle experiencias graves de discriminación, como ser inxustamente despedido ou ser inxustamente detido pola policía. Con todo, a discriminación preséntase en situacións máis correntes e sutís e, así, a miña segunda escala, chamada "Escala de Discriminación Cotiá", recolle nove elementos que reflicten experiencias como ser tratado con menos cortesía que outros, recibir un peor servizo en tendas e restaurantes ou ver como a xente actúa como se tivese medo de ti. Esta escala captura algunhas das formas polas que a dignidade e o respecto dunhas persoas que a sociedade non valora, vai minguando día a día. A investigación revela que os niveis máis elevados de discriminación correlacionan cun alto risco de padecer un amplo abano de doenzas, dende hipertensión a obesidade abdominal, pasando por cancro de mama, doenzas cardíacas e incluso mortalidade prematura. Sorprendentemente, algúns dos efectos obsérvanse en persoas moi novas. Por exemplo, un estudo realizado con adolescentes negros, revelou que os que aducían altos niveis de discriminación na adolescencia presentaban un nivel elevado de hormonas do estrés, de presión arterial e de peso aos 20 anos de idade. Porén, o estrés causado pola discriminación é apenas un aspecto. A discriminación e o racismo inciden de moitas outras maneiras na saúde. Por exemplo, existe discriminación na atención sanitaria. En 1999, a Academia Nacional de Medicina dos EE.UU. convidoume a tomar parte nunha comisión que concluíu, baseándose en probas científicas, que os negros e outras minorías reciben unha atención de peor calidade que os brancos. Isto acontece con calquera tipo de tratamento médico, dende o máis simple ao máis sofisticado tecnoloxicamente. Unha posible explicación a este patrón podería ser o fenómeno coñecido como "prexuízo implícito" ou "discriminación inconsciente". Segundo as investigacións dos psicólogos sociais, se unha persoa ten un estereotipo negativo sobre un grupo no seu subconsciente ao coñecer alguén dese grupo, discriminará esa persoa. Tratarao de maneira diferente. É un proceso inconsciente, un proceso automático. É un proceso sutil, mais é normal e acontécelles mesmo ás persoas con mellores intencións. Pero canto máis afondaba no impacto do racismo na saúde, máis perniciosos se tornaban os seus efectos. Existe discriminación institucional, é dicir, discriminación que se dá nos procesos propios das institucións sociais. A segregación residencial por razas, que se traduce en negros e brancos vivindo en barrios moi diferenciados, é un exemplo clásico de racismo institucional. Un dos segredos mellor gardados dos Estados Unidos é o de que a segregación residencial é a fonte secreta da desigualdade racial do país. Nos Estados Unidos, o lugar no que un vive determina o seu acceso a oportunidades en educación, emprego, vivenda e incluso en acceso a atención sanitaria. Un estudo realizado nas 171 meirandes cidades dos Estados Unidos concluíu que nin nunha soa destas cidades os brancos viven nas mesmas condicións que os negros e que os peores contextos residenciais dos brancos son considerablemente mellores que o contexto medio das comunidades negras. Outro estudo probou que se conseguísemos eliminar estatisticamente a segregación residencial erradicaríamos por completo as diferenzas raciais en renda, educación e desemprego e que reduciríamos a fenda racial en número de familias monoparentais en dúas terceiras partes. E todo iso é ocasionado pola segregación. Aprendín tamén como os estereotipos negativos e a imaxe dos negros na cultura estadounidense literalmente orixinan e perpetúan tanto a discriminación institucional como a individual. Un grupo de investigadores reuniu nunha base de datos todos os libros, revistas e artigos que un estadounidense medio con formación universitaria le durante toda a súa vida. Isto permítenos ollar para esta base de datos e comprobar como os estadounidenses van vendo certas palabras emparelladas a medida que van medrando na súa sociedade Así, cando aparece a palabra "negro" na cultura estadounidense, de que vai acompañada? "Pobre", "violento", "relixioso", "preguiceiro", "alegre", "perigoso". Cando aparece "branco", as palabras frecuentemente emparelladas son "rico", "progresista", "convencional" "perseverante", "exitoso" "culto". Entón, cando un policía sobreactúa ao ver un home negro desarmado e o percibe como violento e perigoso, non temos necesariamente por que estar a tratar cun policía intrinsecamente malo. Pode que simplemente esteamos a ver un estadounidense normal actuando como reflexo daquilo ao que estivo exposto como resultado de medrar nesta sociedade. Na miña experiencia persoal, creo que a raza non ten por que determinar o destino dunha persoa. Eu emigrei aos Estados Unidos dende a illa caribeña de Santa Lucía, a finais dos setenta na procura dunha educación superior. E nos últimos 40 anos foime ben. Tiven unha familia que me apoiou, traballei arreo. Foime ben. Pero costoume máis prosperar. Fun beneficiario dunha bolsa para minorías da Universidade de Michigan. Si, son fillo da discriminación positiva. Sen discriminación positiva, non estaría aquí. Pero nos últimos 40 anos, a comunidade negra dos Estados Unidos non tivo tanto éxito. En 1978, as familias negras dos Estados Unidos gañaban 59 céntimos por cada dólar de salario dos brancos. En 2015, as familias negras aínda gañan 59 céntimos por cada dólar de salario percibido polas familias brancas. A fenda racial no relativo á riqueza é mesmo máis escandalosa. Por cada dólar de riqueza dos brancos, as familias negras suman seis centavos e os latinos, sete. É un feito que o racismo está a xerar un sistema totalmente corrupto que sistematicamente desfavorece certos grupos raciais nos Estados Unidos. Citando a Platón, non hai nada máis inxusto que tratar igual aos que son diferentes. Por iso estou comprometido co traballo para erradicar o racismo. Valoro profundamente o feito de me erguer sobre os ombreiros daqueles que sacrificaron ata as súas vidas para abrir as portas que eu puiden atravesar. Quero asegurarme de que esas portas fiquen abertas e de que calquera poida atravesalas. Robert Kennedy dixo, "Cada vez que un home –ou muller, engadiría eu– loita por unha idea, actúa para mellorar a vida dos outros, ou se ergue contra as inxustizas, envía unha pequena onda de esperanza, e esas ondas poden crear unha corrente, capaz de derrubar os máis poderosos muros da opresión e resistencia. Hoxe son optimista, pois ao longo de todo Estados Unidos albisquei ondas de esperanza. O Centro Médico de Boston vén de engadir avogados ao seu equipo médico para os facultativos poderen mellorar a saúde dos seus pacientes, ao encargárense os avogados das necesidades extrasanitarias dos pacientes. A Universidade de Loma Linda (California), construíu un centro pasarela (Gateway College), preto de San Bernardino para ademais de prestar atención sanitaria, poder achegar competencias laborais e formación laboral a unha maioría predominante de individuos con baixos ingresos, para estes poderen obter as competencias necesarias para achar un traballo decente. En Chapel Hill, Carolina do Norte, o Proxecto Abecedarian atopou o xeito de garantir a redución do risco de doenzas cardíacas entre negros que andan pola trintena, ofrecendo un coidado diario de calidade desde o nacemento ata os cinco anos. En centros extraescolares de todo Estados Unidos Wintley Philips e a US Dream Academy están a romper o círculo de encarceramento proporcionando formación e orientación académica de alta calidade a fillos de reclusos e nenos con atraso escolar. En Huntsville, Alabama, a Universidade de Oakwood, unha institución historicamente negra, está a amosarnos como mellorar a saúde dos adultos negros, incluíndo un exame médico como parte da orientación aos novos alumnos, fornecéndolles a eses alumnos as ferramentas necesarias para elixir opcións saudábeis e fornecéndolles anualmente un historial médico para poderen supervisar os seus progresos. E en Atlanta, Georgia, a ONL Purpose Built Communities erradicou os efectos negativos da segregación, convertendo un proxecto de vivenda social asolagado polo crime e anegado pola droga nun oasis de vivendas de ingresos mixtos, de rendemento académico, de benestar comunitario e de pleno emprego. E finalmente, chegamos á solución Devine. A profesora Patricia Devine, da Universidade de Wisconsin amosounos como combater de raíz e eliminar os nosos prexuízos ocultos. Cada un de nos pode supoñer unha onda de esperanza. Este traballo non será sempre doado pero o antigo xuíz da Corte Suprema, Thurgood Marshall, xa o dixo: "Debemos discrepar. Debemos discrepar da indiferenza. Debemos discrepar da apatía. Debemos discrepar do odio e da desconfianza. Debemos discrepar, porque Estados Unidos pode facelo mellor. Porque a Estados Unidos non lle queda outra que facelo mellor". Grazas. (Aplausos)